Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Haberá recurso sobre o auto do Prestige

Nunca Máis insistirá contra a decisión que converteu o accidente en catástrofe

Críticas á cobertura que o xulgado lle deu á estratexia do goberno español de evitar responsabilidades, baseada en apandar co afastamento do buque.

Redacción / EP - 10:00 21/03/2009

O calote ventábase xa a comezos de ano cando a Avogacía do Estado lle achegou ao xulgado de Corcubión un informe onde se introducía un argumentario que, paradoxalmente, xustificaba a exoneración do ex director xeral da Mariña Mercante, José Luís López Sors, o único ex alto cargo que permanecía imputado no proceso.

Anos despois de que diversos foros xuntasen a expertos, en Galiza e fóra de aquí, para analizar o caso, e que as súas análises coincidisen en criticar o acontecido cun suceso onde o accidente "converteuse en catástrofe" debido xustamente ao afastamento do buque, a burocracia legal abría fendas no proceso. No fondo, imposíbel non percibir a estratexia do goberno español de evitarlle á caixa estatal o furado que se derivaría dos preitos en curso contra o Estado Español pola xestión da crise do petroleiro Prestige.


Era así como a argumentación xurídica saía agora en defensa da xestión global da crise, entendendo que se priorizara o salvamento da tripulación. Así, e contr as análises e os informes dos expertos que xa subliñaran o afastamento do buque como unha das claves da catástrofe, a reviravolta legal sostida agora pola avogacía estatal afirmaba que o executivo español valorou as "alternativas" antes de decidir o afastamento do petroleiro e que "non foi unha resolución precipitada ou irreflexiva". Un argumentario que era agora asumido polo xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 1 de Corcubión, que informaba este venres da conclusión doprocedemento abreviado do caso Prestige retirando de xeito provisional a imputación do daquela director xeral da Mariña Mercante, José Luis López-Sors González.

Haberá recurso contra a decisión
Na tarde do venres e coñecida a decisión da xuíza, a Plataforma Nunca Máis comunicaba a súa intención de recorrer. Alexandre Martín López, membro da comisión xurídica do colectivo, recordou que a xestión de López-Sors foi "determinante para o delito" e que a decisión de afastar o barco "tomouse de xeito gravemente neglixente".

Por este motivo, Nunca Máis vai recorrer o auto do xulgado onde se lle retira a imputación ao único ex alto cargo do goberno español que permanecía no proceso. A plataforma pedirá que se revogue a decisión de sobresemento respecto de López Sors e insistirá en que na fase de instrución do caso puxéronse abondo de manifesto as evidencias de que "as decisións tomadas por ese imputado e, en particular, a de afastar o barco, tomáronse dunha forma gravemente neglixente". "De xeito precipitado e por pura oportunidade política", reprochan desde Nunca Máis, lembrando que consta nos informes dos peritos que informaron a instrución de que a decisión de afastar o Prestige foi "a menos indicada".


Ligazóns

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: