O goberno municipal coruñés destinará 120.000 euros é a cantidade que este ano á feira taurina encadrada nas festas de María Pita.
A organización das touradas está na base da última polémica municipal no concello coruñés. Os socios de goberno non comparten a mesma visión sobre a chamada "festa nacional" e as súas discrepancias veñen de facerse públicas.
A concelleira de cultura, a nacionalista María Xosé Bravo adiantou que a súa formación non está de acordo con subvencionar as corridas de touros nas festas de María Pita. A cuestión non é menor, xa que a achega económica que fai o concello achégase aos 120.000 euros. Pola súa banda, o concelleiro de Educación e Festas, o socialista Carlos González – Garcés, non se fixo agardar e contestou con vehemencia reclamando respecto á autonomía de cada concellaría. Asegurou que o obxectivo é que o programa festivo sexa variado e ao gusto de todo o público, ao tempo que recordou que todas as actividades culturais están subvencionadas, sen excepción.
Touradas si, pero sen fondos públicos
Mentres, a edil nacionalista avogou pola externalización deste espectáculo, é dicir, que se encargue unha empresa da súa xestión. Garcés apelou á tradición das touradas na cidade herculina, xa que se leva celebrando 17 anos e asegurou que os fondos públicos se destinarán a subvencionar todas as actividades, sexan minoritarias ou destinadas a un público maior.
Neste cruce de declaracións irrompeu nas últimas horas unha nova figura, a do responsable da empresa que organiza as touradas coruñesas, Luis Álvarez. O empresario aposta por chegar a un acordo esta mesma semana co goberno local para que nas vindeiras edicións o evento se xestione a través dunha xerencia compartida. Asegurou que, coas contas na man, o "espectáculo" pode autofinanciarse e que mesmo aumentando o número de corridas poderían autofinanciarse.
Con todo e malia a polémica no bipartito municipal, en ningún momento se cuestionou a continuidade das touradas, que seguirán a celebrarse na Coruña. Outro tema é a procedencia do seu financiamento, unha cuestión que terá que agardar a vindeiras edicións para esclarecerse.