Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O primeiro presidente da esquerda desde a guerra

Histórico triunfo do FMLN nos comicios presidenciais salvadoreños

Cunha participación de máis do 60%, o 51,2% dos electores outorgáronlle a vitoria a Mauricio Funes, candidato do Frente Farabundo Martí para a Liberación Nacional.

Redacción - 08:00 16/03/2009

"Esta é a noite máis feliz da miña vida e quero que sexa tamén a noite da máis grande esperanza en El Salvador", declaraba Mauricio Funes, presidente electo, no seu discurso despois de confirmarse o triunfo do FMLN. Na súa primeira intervención logo de coñecerse a vitoria, o candidato do FMLN, que era ademais o primeiro do partido sen pasado nas filas guerrilleiras, chamou a aproveitar esta viraxe política para camiñar cara a un "novo acordo de paz e reconciliación" no país. Un ton importante ao cabo dunha campaña de moita tensión, onde os conservadores botaran man de todos os resortes de poder e maquinaria mediática para erosionar a ampla vantaxe que hai semanas aínda lle concedían as enquisas ao FMLN. Advertencias sobre a presunta "venda do país" ao "comunismo" e "a Hugo Chávez" eran arengas que podían lerse na prensa salvadoreña estes días.

O último informe do Tribunal Electoral outorgoulle ao candidato da esquerda o 51,27% dos apoios (1.231.755 votos), mentres que o candidato da dereita, Rodrigo Ávila, baixo as siglas da Alianza Republicana Nacionalista (ARENA), obtiña o 48,73% (1.170.780 sufraxios). Os comicios celebráronse cunha participación récord, por riba do 60% dos electores foron votar, e baixo a mirada duns 5 milleiros de observadores, moitos deles internacionais.

Un triunfo histórico apenas quince anos despois de que o FMLN, antigo grupo guerrilleiro, fose legalizado como partido político despois de algo máis dunha década de enfrontamentos co exército salvadoreño (1980-1992) e milleiros de mortos. A esquerda derrota así nas presidenciais á hexemónica ARENA, formación dereitista atrás da que se mantén a sombra dos chamados "escuadróns da morte" salvadoreños e que acudía a esta cita cun candidato de pasado vencellado aos paramilitares.


4,91/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: