Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Polémica reforma administrativa

Censuran que o PP venda como "aforro" a creación de "supercaciques" provinciais

O Colectivo de Servizo Público Galego analiza que o "delegado provincial único" agocha un proxecto de contrapoder ás deputacións que non aforrará cartos.

R. Noguerol - 18:05 04/03/2009
Afonso Rueda, secretario xeral do PPdeG

Afonso Rueda, secretario xeral do PPdeG

Combater o poder que nas provincias d'A Coruña e Lugo manteñen socialistas e nacionalistas a través dos pactos de goberno nas respectivas deputacións sería o obxectivo dunha das medidas estrela avanzada polo PPdeG á volta do 1 de marzo. Esa é a avaliación realizada polo Colectivo de Servizo Público Galego (CSPG), desde onde cualifican de enganosa a iniciativa anunciada polos populares. Unha novidade administrativa que mesmo lle permitiría a maiores ao novo executivo Feijoo ensombrecer por exemplo o poder do sector baltarista en Ourense ás portas do propio proceso de renovación a abrirse nesta baronía popular. "Supercaciques", é a definición que o colectivo cidadán lle outorga aos cargos que sairán desta iniciativa.

Tal e como o PPdeG presenta o proxecto, o actual esquema dun delegado de cada unha das consellarías en cada unha das provincias, até un total de 52 delegados provinciais, pasaría a un escenario de só 5 superdelegados, un por provincia e outro específico para a cidade de Vigo. Cada un deles asumiría a representación do conxunto das consellarías en cada unha destas demarcacións. Defenden os populares que se trata dunha iniciativa que será exemplo da austeridade prometida para o Goberno durante a recente campaña electoral.

Na práctica, medida irreal "e populista", analiza o CSPG
"Tratan de estabelecer un supercacique provincial que se poida impoñer e prevalecer sobre os presidentes das deputacións", critican desde o CSPG, usando para esta nova figura de superdelegados que propón o PP os cualificativos alternativos de "mandaríns" ou "virreis provinciais". "É un absurdo", debulla Xan Carlos Ansia, voceiro deste colectivo cidadán, recordando que na práctica o executivo necesitará de igual xeito unha estrutura que asuma as funcións de xestión irrenunciábeis do día a día. "Van pasar estes cinco señores toda a mañá asinando papeis", ironiza Ansia, censurando que o PP venda como aforro a presunta supresión de 47 delegados provinciais cando en realidade existirán figuras similares, xa que, evidentemente os superdelegados "nin poden entender de todo, nin xestionar todo". Aventura por isto que serán cargos parecidos con nomes diferentes e nomeados "a dedo".

"É unha nova figura que parece creada coa intención de despregar unha especie de deputación paralela", di Xan Carlos Ansia. "Que eliminen as deputacións se queren, pero ou sobra unha cousa ou outra", subliña. Segundo a percepción que o CSPG ten desta medida, estes novos "supercaciques" asumirían nas súas mans un inédito poder "mesmo superior a cada un dos conselleiros" e con ampla marxe de manobra a nivel provincial e perigo, advirten de caer en tentacións e prácticas "clientelares". "En cada provincia, as políticas en materia industrial, laboral, agrícola ou medioambiental, quedan impedidas e mesmo non natas, dependendo a planificación e efectividade da aquiescencia do mandarín", denuncian.

"A figura do virrei provincial non é do século XX, senón do XIX", apúntanlle aos populares desde a asociación. Agoiran que este novo cargo funcionará como instrumento de "substitución" dos cidadáns que teñen como interlocutor a administración por administrados condenados a "suplicar axuda política".

De paso, o Colectivo de Servizo Público Galego, que reúne non só a funcionarios da administración pública senón tamén a cidadáns doutros sectores sociais, aproveita para ofrecerlle ao próximo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, un resumo de ideas concretas e "realmente efectivas" para que cumpra coa promesa de austeridade. Entre outros, propoñen derrogar o polémico plus económico de altos cargos, reducir o número de asesores, reducir a propaganda institucional, suprimir "chiringuitos" ou "adelgazar" as asistencias técnicas.


4,19/5 (21 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: