Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
As reformas pendentes

Administración pública: inercias e urxencias dun xigante

Os principais grupos políticos teñen a convicción da necesidade dunha nova lei de función pública, malia que difiren na concreción. No medio, o PP pretende suprimir para os funcionarios a obrigatoriedade de coñecer o galego.

R. Noguerol - 13:00 25/02/2009

Tres anos e medio son "pouco tempo" para vermos algúns dos cambios estruturais que socialistas e nacionalistas teñen impulsado desde o Goberno. Así coinciden en subliñalo para Vieiros diversos altos cargos do executivo ás portas das eleccións. Coa estreita marxe coa que chegan os prognósticos á cita coas urnas do 1M, á hora de avaliaren os problemas coa "velocidade" dos cambios prometidos, todos eles coinciden tamén en apuntar un condicionante extra para a situación: as inercias e as urxencias do xigante da administración pública. Rutinas e procederes froito da herdanza, en particular, dos 16 anos da etapa de Manuel Fraga no liderado do Goberno, aparecen en máis dunha ocasión no discurso.

A última estatística dispoñíbel achega cifra de 86.858 funcionarios empregados na Xunta, o 57,4% do total dos que hai en Galiza, xa que se lle sumamos os de corporacións locais (31.214 persoas), os da administración estatal (29.311), e os 3.774 empregados das universidades, obtemos un total de 151.157 persoas que traballan en Galiza como empregados públicos. No conxunto do Estado, tal cifra de funcionarios só é superada por Andalucía, Madrid, Cataluña, Valencia e Castela e León. Namentres, e con estes números, diversos estudos teñen sinalado cal é a actividade predilecta á que aspira a maioría da mocidade: traballar na administración pública.

O reconto do cadro funcionarial non está exento de polémica nos últimos tempos. Así, e fronte á acusación do PP de que socialistas e nacionalistas dispararon as cifras de contratación en só tres anos e medio, PSOE e BNG aproveitaron para poñer os datos por riba da mesa e revelar que os populares "agochaban e falseaban" as cifras reais de empregados públicos. Deste xeito, a Consellaría de Presidencia expuxo recentemente que o aumento até 88.037 empregados públicos en 2008 débese non só ás novas contratacións en Sanidade e Educación, senón á saída á luz de milleiros de contratos temporais que o PP realizaba e que ocultaba aos informes públicos.

"Chiringuitos" ou novas fórmulas para rachar os freos administrativos?
Representantes socialistas e nacionalistas explican para Vieiros a súa preocupación coa adaptación da estrutura da administración a novos ritmos, tempos e demandas que respondan con máis axilidade ás dinámicas que, insisten, trataron de imprimir os novos equipos das consellarías, con maior ou menor éxito, desde o primeiro momento.
Desde o ámbito sindical, os representantes consultados coinciden en varias demandas. En primeiro lugar a petición dunha lei de función pública que estabeleza con claridade o desenvolvemento da carreira profesional dentro da administración. En segundo lugar, salientan a necesidade de garantir que se reduza ao mínimo o número de postos de libre designación introducindo e perfeccionando os criterios de transparencia e libre acceso á administración. Un terceiro eixo é a cuestión retributiva, a negociación ao respecto dos salarios. En cuarto lugar, citan as cualificadas como "administracións paralelas". Insisten os representantes sindicais en que non hai escusa para a creación dos que cualifican de "chiringuitos" e láianse de que os propios programas electorais das principais forzas políticas inclúan este tipo de modelos de xestión.

Ao respecto de tales acusacións, a resposta desde as formacións que sustentan o Goberno móvense entre a moderada autocrítica e a defensa da posta en valor desde a "transparencia" das ferramentas imprescindíbeis para responder a necesidades concretas no fornecemento de servizos para os cidadáns. Tal é o caso por exemplo desde o bando dos socialistas do apoio a iniciativas como Galaria ou a Sociedade Pública de Investimentos, empresas públicas de servizos sanitarios que entenden como imprescindíbeis para responder con rapidez a proxectos de urxencia como por exemplo o despregue dos hospitais de Vigo e Ourense. No mesmo sentido, desde o Bloque argumentan en favor da Seaga, empresa pública de servizos agrarios, ou do Consorcio de servizos de Vicepresidencia, instrumentos que consideran clave para a resposta áxil ás demandas da cidadanía. Consideran socialistas e nacionalistas que non trasladaron axeitadamente aos medios o debate ao respecto, e entenden "imprescindíbel" a aplicación de iniciativas que permitan rachar obstáculos e brincar por riba de inercias creadas durante anos de inmobilismo na administración. A propia receptividade dos alcaldes, independentemente da cor política dos concellos, cara a estes novos instrumentos, é subliñada como argumento en favor da súa creación.

"Se nós tivésemos feito isto estaríannos acribillando", ironizan desde os cuarteis do PP. Os populares usan dobre estratexia fronte á polémica. Únense ás críticas xurdidas desde medios de comunicación e ámbito sindical pero na práctica semellan dispostos a asumir as institucións creadas se conseguen o poder. Máis aló aínda, propoñen modelos de xestión similares para outros departamentos do goberno. Do mesmo xeito, non doen prendas no PP en cualificar a Xunta como "a maior empresa" de Galiza e, malia unírense a PSOE e BNG na proposta dunha reforma profunda que modernice a administración, evitan a autocrítica sobre o treito de goberno que lles tocou xestionar.

SE CONTINÚA O PACTO DE GOBERNO

Racionalización, capitalización e profesionalización da función pública son os eixos subliñados polos socialistas. Nesa liña, a proposta máis ambiciosa pasa polo desenvolvemento TIC con mecanismos de e-administración e e-democracia. Entre outros: un portal específico para a relación telemática da cidadanía coa Xunta r proxectos específicos en liña no ámbito da administración local. Tamén prometen crear un programa integrado de xestión de queixas e suxestións. O fomento da cualificación profesional dos empregados públicos, a conciliación da vida persoal, laboral e familiar e a fixación dun 2% de prazas para persoas con discapacidades son outras ideas. De xeito global, os socialistas prometen aprobar unha Lei Lei da función pública Galega "para consolidar a modernización da administración".

O BNG fala de cinco eixos á hora de afrontar a reforma da administración. Un primeiro tería que ver cun proceso de desburocratización, que debera incluír entre outros a redución de prazos de tramitación e a introdución de controis máis rigorosos nos eidos máis sensíbeis e urxentes, como pode ser o caso da sanidade. O uso do galego e a simplificación da linguaxe administrativa na documentación oficial é outra das tarefas que se fixan desde o Bloque. A elaboración dun Código Ético de Conduta e a creación dunha Oficina de Queixas que publique un informe anual é outro compromiso. Por último, os nacionalistas salientan ademais a necesidade da racionalización da oferta de traballo, a introdución de sistemas de avaliación do rendemento profesional dos funcionarios e o perfeccionamento dos mecanismos de selección.


SE CAMBIA O GOBERNO

O deseño dunha nova Lei de Función Pública é tamén prioridade para o PP, malia que tampouco se entra nalgúns detalles ao respecto do debate sobre este texto posíbel. De paso, o PP subliña que se prescindirá do carácter eliminatorio do certificado de coñecemento da lingua á hora de usar as listas de contratación temporal. Entre outros, os populares destacan o estabelecemento dun plan plurianual de recuperación de "perdas históricas" de poder adquisitivo para o funcionariado ou da reorientación das funcións actuais da Escola Galega de Administración Pública. Doutra banda, o PP propón reorganizar o reparto competencial entre as consellarías, reducindo número, malia que non se citan exemplos concretos a suprimir, e propiciando coordinación transversal de departamentos. Falan tamén dun Plan de Calidade e de aplicar un sistema de avaliación do rendemento, con informe público anual de resultados a ter en conta para posíbeis reordenacións dos cadros de persoal. A maiores suxiren a reforma da Lei de Desenvolvemento Comarcal para crearen "oficinas de desenvolvemento comarcal" que constituirá a presenza da Xunta en cada bisbarra.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: