Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
esta semana

O Parlamento Europeo volve posicionarse contra a caza comercial de balea

Aprobou a continuidade da moratoria que en 1986 prohibía a compravenda internacional de derivados deste animais. Mentres, Islandia aumentou as súas cotas de caza.

Redacción - 13:49 20/02/2009

O Parlamento Europeo aprobou esta semana, por 626 votos a favor, 12 contra e 19 abstencións, un acordo que apoia o mantemento da moratoria mundial que prohibía a actividade baleeira para fins comerciais en 1986.

Os europarlamentarios sinalaron, ademais, que procuran "o fin da actividade baleeira científica" e apoian a designación de "extensas zonas mariñas e oceánicas como santuarios nos que estea prohibida toda actividade baleeira por tempo indeterminado", segundo un comunicado enviado dende Estrasburgo. Alén disto, instan ao Consello, á Comisión e aos Estados membros que pasen a formar parte da Comisión Baleeira Internacional -agora están 20 dos 27-, para traballar "no sentido da obtención dun acordo suficientemente amplo sobre a actividade baleeira".

Os eurodeputados queren, tamén, que a UE promova "unha máis elevada protección das baleas a nivel mundial", xa que son, hoxe en día, animais ameazados pola captura accidental en operacións de pesca, polas colisións con embarcacións, polas alteracións climáticas e pola polución sonora dos océanos. Para isto suxiren a creación de máis áreas mariñas protexidas, e a utilización de artes de pesca máis selectivas, co fin de evitar as capturas accidentais destes cetáceos.

Ameazadas pola extinción
"Aínda que se teña rexistrado un certo nivel de recuperación dalgunhas poboación de baleas dende que a moratoria foi instaurada en 1986, outras continúan diminuíndo seriamente e ameazadas pola extinción, descoñecéndose aínda a súa capacidade de adaptación a condicións ambientais en constante mutación", pódese ler no documento aprobado polos europarlamentarios.

Esta moratoria aplícase unicamente á caza comercial, alén da excepción prevista para a caza autóctona de subsistencia, as investigacións científicas poden realizarse con licenzas especiais emitidas polo país que as efectúa. Mais hai casos nos que se sospeita que a carne das baleas abatidas para supostos fins científicos, estea a ser empregada con fins comerciais, entre outros países, polo Xapón.

Mais, como non todos os membros da Comisión Baleeira Internacional non asinaron a moratoria, a caza comercial continúa.

O novo goberno islandés mantén as cotas de caza de balea
Os apelos de sete países - Alemaña, EUA, Finlandia, Francia, Holanda, Reino Unido e Suecia- de nada serviron, e o goberno islandés (formado por unha coalición dos socialdemócratas e os Verdes), despois de o ponderar, optou por manter a decisión tomada polo anterior executivo, e multiplicar por seis a cota de caza de balea para este ano.O Goberno concluíu que "o Estado islandés está comprometido coa decisión" do executivo anterior, e o ministro de Pesca, Steingrimur Sigfusson explicou, polo seu lado, que non pode "volver atrás".

Islandia está desvinculada da moratoria internacional dende agosto de 2006, e anteriormente tiña unhas cotas de caza de nove rorcuais comúns e 40 de aleta branca ao ano. A partir de agora as cifras subirán até os 150 animais en cada unha das especies, mais nun tempo de cinco anos.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Saíndo un bocado da auga / Flickr: rubonix
Saíndo un bocado da auga / Flickr: rubonix
Unha planta de proceso da carne de balea, situada en Hvalfjordur, Islandia / Flickr: big-ashb
Unha planta de proceso da carne de balea, situada en Hvalfjordur, Islandia / Flickr: big-ashb
Nadando en Husavik, Islandia / Flickr: hops_76
Nadando en Husavik, Islandia / Flickr: hops_76
Carne de balea, comercializada en Islandia / Flickr: silentdan
Carne de balea, comercializada en Islandia / Flickr: silentdan