Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En Timor Leste

Descobren unha das maiores concentracións de baleas e golfiños do planeta

Despois de seis meses de traballo unha expedición científica, a bordo dunha embarcación tradicional indonesia, descubriu máis dun milleiro de animais nunha faixa de 50 quilómetros de extensión.

Redacción - 10:11 11/01/2009
A bióloga Kiki Dethmers, do NRETAS

A bióloga Kiki Dethmers, do NRETAS

Unha expedición formada por científicos do Departamento de Natureza e Medio The Arts and Sports australiano (NRETAS), o Ministerio de Agricultura e Pesca de Timor Leste e o Instituto Australiano da Ciencia Mariña pasou seis meses a sobrevoar as augas do Océano Índico e Pacífico arredor da illa á procura de poboacións considerábeis de cetáceos, tartarugas mariñas, raias, crocodilos...

Pasado ese tempo, os seis investigadores e investigadoras que facían parte da expedición subiron a bordo do navío oceanográfico Timor Tiger -unha embarcación de madeira, tradicional en Indonesia, e de 20 metros de eslora- e, ao fin, descubriron o que andaban procurando: unha das maiores concentracións de baleas e golfiños do planeta.

Máis dun milleiros de cetáceos en 50 quilómetros
Nun só día de traballo, rexistraron máis de un milleiro de animais en oito grupos separados, en só unha faixa de 50 quilómetros de extensión; entre eles 10 especies de cetáceos, entre elas a balea azul, a balea bicuda, o golfiño gris e o golfiño común.

"Esta é unha das zonas máis abundantes en cetáceos que se atopou no mundo", sinalou Karen Edyvane, doutora do australiano NRETAS. "Os golfiños e as baleas estaban, literalmente, dando chimpos na auga por todas partes na nosa contorna. Era difícil decidir que animal fotografar", contou José Monteiro, biólogo do Ministerio de Agricultura e Pesca de Timor Leste.

Nos días nos que as condicións do tempo eran mellores, chegaron a observar perto de 400 individuos: "Ficamos todos marabillados con tanta abundancia, diversidade e densidade de cetáceos", describiu Edyvane á prensa, após presentar o estudo, a primeira gran investigación deste tipo feita en Timor Leste.

Agora comezan os retos para Timor Leste
Este estudio veu confirmar o que moitos científicos e biólogos mariños sospeitaban: que as augas profundas dos estreitos de Wetar e Ombai -que poden ter até tres mil metros de profundidade-, son unha importante rota migratoria e un importante corredor da vida mariña que liga os océanos Pacífico e Índico.

Mais esta descuberta, ademais de ser importante para Timor Leste, representa tamén moitos desafíos. O primeiro, segundo o biólogo José Monteiro, o de "continuar o traballo de investigación científica para saber máis sobre estas magníficas criaturas, e garantir que estas poboacións de cetáceos sexan debidamente protexidas". Mais, no momento de explotar turisticamente estes recursos, -promovendo o emprego e o desenvolvemento económico timorense- o primeiro obxectivo sería desenvolver un proxecto de conservación costeira e mariña de xeito sustentábel.


Ligazóns

5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: