A dirixente estatal de UPyD, que se presenta por primeira vez ás eleccións galegas, veu a Galiza porque lle "apeteceu".
A líder de Unión, Progreso y Democracia (UPyD), Rosa Díez, abriu campaña en Compostela porque lle "apeteceu" comezar en Galiza e porque "nos xogamos tamén moito". O partido, que se presenta por primeira vez ás eleccións ao Parlamento, escenificou a pegada de carteis diante mesmo do Pazo do Hórreo, coa asistencia dos catro cabezas de lista e dunha vintena de simpatizantes.
Díez dixo que quería dar a coñecer a súa formación e acadar o voto da xente que queira cambiar a política "de fondo e a fondo, non só o presidente". Así mesmo, amosouse confiada de acadar representación: "Hai moitas máis posibilidades de que entremos no Parlamento galego que as que había nas xerais e saín deputada".