A militante no Partido Socialista de Euskadi fará publica a súa decisión o 7 de setembro. O día 29 dese mesmo mes preséntase a formación do filósofo vasco.
Rosa Díez decidiu abandonar o PSOE, partido en que militaba dende había varas décadas. O vindeiro 7 de setembro fará oficial a súa decisión e se incorporará ao novo partido impulsado polo filósofo vasco Fernando Savater, segundo informa o diario español ABC na súa edición desta cuarta feira.
O diario afirma que a dirixente socialista selará o seu compromiso oficial coa nova formación, que polo momento recibe o nome de Plataforma Pro, nunha cea á que asistirán tamén o propio Savater e o profesor da UPV, Carlos Gorriarán, outro dos impulsores do proxecto.
Ademais, este novo partido presentarase en sociedade o 29 de setembro en Madrid, momento en que dará a coñecer as súas bases programáticas de cara ás futuras eleccións xerais de 2008.
Traxectoria política
Rosa Díez pon fin á súa traxectoria política como militante socialista na que foi conselleira de Comercio, Consumo e Turismo do goberno vasco baixo a presidencia de José Antonio Ardanza (PNV) dende 1991 até 1998. Foi deputada do parlamento vasco e dende 1999, eurodeputada. Ademais é membro da plataforma política ¡Basta Ya! contra o nacionalismo vasco e o terrorismo de ETA.
En 1998 foi derrotada por Nicolás Redondo nas eleccións primarias do PSE para elixir candidato a lehendakari, e tamén foi derrotada por José Luís Rodríguez Zapatero dous anos despois nas primarias do PSOE para elixir ao novo secretario xeral do partido tras a dimisión de Joaquín Almunia.
Nos últimos anos, Rosa Díez mantivo unha posición moi crítica con algunhas das políticas levadas a cabo polo goberno socialista de Zapatero, fundamentalmente a relacionada cos partidos nacionalistas e coa política antiterrorista.