Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Marisol Soneira, secret. de Emigración do PSdeG

"O PP fai como o xogador que se queixa cando ten malas cartas"

A socialista defende a tramitación urxente de pasaportes provisorios para "garantir o dereito constitucional ao voto de todos os cidadáns".

Fernando Arrizado - 20:35 10/02/2009
A socialista Marisol Soneira

A socialista Marisol Soneira

A responsábel de Emigración do PSdeG, Marisol Soneira, defendeu a tramitación urxente por parte dos consulados de pasaportes provisorios para que os emigrantes poidan votar nas eleccións do 1 de marzo, e deste xeito "garantir o dereito constitucional ao voto de todos os cidadáns".

A tamén deputada do Grupo Socialista nesta última lexislatura considerou, no entanto, que a solución proposta polo goberno español "está traída polo pelos", mais insistiu en que o importante é que tamén a cidadanía residente no exterior poida votar.

Tamén respondeu as críticas do PPdeG e do BNG por esta última viraxe ao respecto dos 'pasaportes express'. Dos nacionalistas dixo que "non é culpa dos emigrantes que non teñan apoio, é culpa do BNG que hai tempo que os deixou desatendidos", polo que xustificou o seu desinterese polo sufraxio que vén do exterior.

Sobre o PPdeG, Soneira dixo que as súas queixas son "propias do xogador de cartas", que se queixa "cando lle veñen malas". A socialista engadiu, ademais, que demostra que "hai interese en que non se vote". "Hai algúns que cuestionan todo o que signifique maior participación electoral", afirmou.

Decisión do goberno español
Ademais, mostrouse contraria a que fique exclusivamente a criterio de cada cónsul decidir quen ten "urxencia ou necesidade" de recibir o pasaporte, se ben dixo que "só podo facer valoracións políticas, non de tipo técnico sobre os mecanismos do ministerio (español de Asuntos Exteriores)".

Por outra banda, o ministro do Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, defendeu este martes o traballo do goberno español para "facilitar" o voto aos españois residentes no estranxeiro malia o cambio "de regras do xogo" introducido pola Xunta Electoral Central "días antes de que empece a campaña electoral", ao incluír a obriga de que acompañen as súas papeletas cunha copia do DNI ou do pasaporte.


2/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: