A cita máis importante terá lugar no Saló do Cómic de Barcelona, que comeza o 29 de maio, e onde Galiza é convidada de honra.
As empresas e creadores galegos contan por segundo ano consecutivo cun espazo de seu no festival de Angoulême, que se celebra do 29 de xaneiro ao 1 de febreiro. A representación galega estará composta por varios membros da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) como Javier Montes e David Prieto, e pola delegada provincial da Consellaría de Cultura e Deporte en Pontevedra, María Xesús López Escudeiro. O acto central do programa do festival é a inauguración da mostra 'Dez anos de BD galega', un percorrido pola vida da banda deseñada en Galiza, e que se poderá visitar na oficina de turismo da vila. Estes actos terán lugar na recepción ofrecida o día 30 de xaneiro no Concello de Angoulême.
A seguinte cita da banda deseñada galega será no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, onde protagonizará unhas xornadas monográficas que inclúen obradoiros sobre a utilización didáctica da BD para o profesorado, obradoiros de creación de BD para alumnado da ESO e mesas redondas e clases maxistrais da man de convidados de luxo como Pasqual Ferry, Miguel Rocha e Max. Así mesmo, a mostra 'Personalidades múltiples' explora as múltiples personalidades artísticas de nomes tan relevantes como Andrés Meixide, Xosé Tomás, Kiko da Silva, David Rubín, Jacobo Fernández, Max, Miguel Rocha e Pasqual Ferry.
Convidados de honra en Barcelona
Finalmente, do 29 de maio ao 1 de xuño, Galiza será a convidada de honra no Saló del Cómic de Barcelona, o evento máis importante neste ámbito en toda a península ibérica, ao que asisten axentes editoriais de todo o mundo. Unha feira na que Galiza acadou un gran recoñecemento na edición pasada grazas á calidade dos nosos ilustradores, como demostran os Premios do Público do Saló 2008, concedidos aos creadores Antonio Seijas e Alberto Vázquez, así como á revista Retranca.
Nesta edición, Galiza conta cun stand central, que será o espazo promocional da BD galega na feira, e máis cun stand de venda para as editoras galegas. Ademais, haberá dúas exposicións dentro do recinto da feira e unha terceira na cidade. Unha representación de autores galegos, de festivais, de editoras e de librarías participarán en diversas actividades en colaboración coas bibliotecas de Barcelona e con outras entidades galegas e catalás.