A Asociación Cultural BD Banda lémbralle ao Presidente do PPdeG a importancia cultural desta arte e o alto nivel das producións galegas.
Entre as críticas que Núñez Feijoo dirixiu ao goberno da Xunta esta fin de semana, estivo o da falta de seriedade. Pero o líder dos populares galegos empregou unha comparación, facendo referencia á "crise de cómic" que na súa opinión viven os dous socios do goberno, que non gustou aos creadores galegos de banda deseñada.
A Asociación Cultural BD Banda pediulle esta tarde a Núñez Feijoo "respecto" para o cómic, "considerada a novena arte, en igualdade de condicións co cinema, a literatura ou a pintura". Ademais, lémbranlle que na actualidade Galiza "está á cabeza do Estado en canto a calidade e cantidade de autores neste campo. Ademais, engaden que "somos moitas as persoas que traballamos para normalizar a BD no noso sistema cultural e desligala precisamente da imaxe marxinal que o Señor Feijoo semella darlle".
En consecuencia pídenlle ao presidente do PPdeG que "e considera que o actual goberno da Xunta ten unha actuación pouco seria, recorra a outros símiles culturais que si levan implícita a carga satírica que el semella outorgarlle ao cómic: sainete, comedia, farsa ou o esperpento".