Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Feijoo loa o labor do seu partido na crise

O PP insiste na "profesionalidade" da xestión co Prestige que "aldraxaron" PSOE e BNG

"Di o que lle vén mellor aos funcionarios do Estado", analiza o presidente da Xunta sobre o informe da Avogacía estatal.

Redacción - 09:00 09/01/2009

"O tempo dá e quita razóns", afirmou o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, ao respecto do polémico informe da Avogacía do Estado sobre a xestión da crise do Prestige. Teimou o líder dos populares en que a decisión de afastar o buque "foi a menos mala", asegurando que o PSOE opina agora "de forma diametralmente oposta a 2003", cando aconteceu a catástrofe do petroleiro. "Entón formulaba meter o barco nunha ría e agora cre razoábel afastar o barco", resumiu Feijoo.

De paso, insistiu en que a costa de Galiza "está actualmente nunha situación similar á de hai cinco anos", referíndose ao paso de arredor de 12 milleiros de barcos con mercadorías perigosas que circulan anualmente fronte ao litoral do país. Lembrou ademais o accidente do buque Ostedijk, indicando que se trata dun exemplo da "falta de criterio e de avances" por parte da Xunta e do goberno español.

Por outra parte, o voceiro do grupo do PP no Parlamento, Manuel Ruiz Rivas, opinou que o informe da Avogacía do Estado "avala cada unha das decisións" dos responsábeis dos gobernos Aznar e Fraga e constitúe "unha desautorización maiúscula" da estratexia política de "desgaste" que, na súa opinión, practicaron PSOE e BNG para "buscar réditos políticos". Opina Rivas que os populares "xestionaron con profesionalidade e lealdade" o accidente do petroleiro "mentres que Touriño e Quintana os aldraxaban".

Touriño quítalle importancia ao informe
Sobre a polémica, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, relflexionou este xoves que a Avogacía do Estado utiliza un informe pericial que avala a xestión incluído o afastamento do buque simplemente "porque lle convén aos funcionarios do Estado" implicados.

"Cada un defende a súa parte", sentenciou o mandatario ao fío da exculpación que a Avogacía busca para o ex director xeral da Mariña Mercante, José Luis López Sors, na súa decisión de afastar o buque. Touriño recordou a existencia de informes técnicos anteriores que analizan o acontecido polo miúdo "e din exactamente o contrario", recordando que se o petroleiro tivese sido conducido á costa podería terse evitado o vertido de fuel que converteu o accidente en catástrofe ambiental e económica.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: