O PPdeG pídelle unha "rectificación pública" de PSOE e BNG e insiste en que os gobernos Aznar e Fraga actuaron "con rapidez e eficacia".
A procura do actual goberno español de evitarlle á caixa estatal o furado que se derivaría dos preitos en proceso contra o Estado Español pola xestión da crise do petroleiro Prestige deu lugar estes días a paradoxais voltas á primeira plana da actualidade daqueles días.
A Avogacía do Estado achegou no xulgado de Corcubión un informe dun cento de páxinas co que xustifica a exoneración do ex director xeral da Mariña Mercante, José Luís López Sors, o único ex alto cargo que permanece imputado no proceso. A argumentación xurídica do Estado mesmo vai máis aló e acaba defendendo a xestión global da crise, entendendo que o goberno español priorizou daquela o salvamento da tripulación. Así, e malia as advertencias dos expertos ao respecto do afastamento do buque como unha das claves que converteu en catástrofe o suceso, o documento da avogacía estatal sostén que o executivo español valorou as "alternativas" antes de decidir o afastamento do petroleiro e que "non foi unha resolución precipitada ou irreflexiva".
Xestión "eficaz", teima Ruíz Rivas
O informe foi aproveitado este martes polo voceiro do grupo parlamentario do PP, Manuel Ruíz Rivas, para comunicar que "tanto Touriño como Quintana deben dar una explicación tras darse a coñecer o informe da Avogacía do Estado sobre a xestión do goberno popular no accidente do Prestige". Para Ruíz Rivas, o informe en cuestión avalaría que "o goberno do PP actuou correctamente".
Segundo o voceiro do PPdeG, o xa daquela líder do PSdeG e agora presidente da Xunta "deberá explicarlle aos galegos como presentou unha moción de censura cando os técnicos conclúen que a xestión dos gobernos populares fíxose con rapidez e eficacia". "O único culpábel foi o capitán do barco", resolve Rivas, engadindo que "a día de hoxe Galiza non está mellor preparada para afrontar outro Prestige que hai tres anos".
"O PP aínda ten que pedirlle perdón aos galegos", sinala o BNG
"O PP non está en condicións de pedir explicacións no que atinxe á xestión do Prestige senón que aínda debe pedirlle perdón a todo o pobo galego polo dano feito e polas mentiras que caracterizaron a súa actuación perante o sinistro", retrucou ao fío da polémica o voceiro en materia de Pesca do Bloque, Bieito Lobeira.
De paso, Lobeira criticou que o documento da Avogacía do Estado estea orixinado "en razóns de carácter económico". "O que cómpre é procurar a verdade con independencia dos seus custes económicos", afirmou Lobeira este mércores.