O senador cre que se fixo unha interpretación "retorcida" das súas palabras.
O presidente fundador do Partido Popular e senador deste partido, o vilalbés Manuel Fraga dixo, esta segunda feira, que se fixo unha interpretación "retorcida" das súas palabras sobre a necesidade de ponderar o peso dos partidos nacionalistas na política estatal, e aclarou que el non tiña falado de "pendurar a ninguén", senón de "sopesar".
Fraga acudiu a un almorzo informativo do vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, no Fórum Europa, o mesmo lugar onde fixera aquelas polémicas declaracións hai unha semana. Mais esta segunda feira lembrou o ex presidente da Xunta que a súa intervención consistiu nun discurso no que estaba "medida cada palabra", e que despois tivera que responder, durante media hora, a máis de 80 preguntas, "e nalgunha hai a posibilidade de que xurdise unha interpretación retorcida", aclarou o senador popular, ao tempo que remarcaba: "Eu non falei de colgar a ninguén, senón de sopesar".
Coincidir con Fraga nos debates, e non no cadalso
Polo seu lado, o vicepresidente do Goberno sinalou que el prefería unha rectificación "clara e rotunda" de Fraga, xa que, ao seu xuízo, "hai palabras que precisan pouca interpretación". Alén diso, Quintana lembrou a idade de Fraga e sinalou que "a estas alturas, non me abraia nada do que poida dicir". Quintana tamén valorou positivamente que o político vilalbés acudise, como público, á súa conferencia, aínda que aclarou que non puido conversar con el porque abandonou o lugar antes da súa finalización. O voceiro nacional do BNG tamén expresou o seu desexo de que no futuro poida seguir vendo a Fraga "nas meses de diálogo e debate, e non en ningún cadalso".
Quintana tamén censurou a resposta do líder do PP galego, Alberte Núñez Feijoo, a quen lle exixiu unha rectificación e unha descualificación "rotunda" das afirmacións de Fraga. Quintana dixo que non lle preocupaban tanto as afirmacións do senador popular como a reacción do representante "dunha forza política tan importante como o PP de Galiza, ante unhas declaracións así". "Si me preocupa que non se apresure -Núñez Feijoo- a descualificar estas declaracións con rotundidade, e dicir que isto é inadmisíbel en democracia", subliñou Anxo Quintana.