Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Veredicto: Non foi "homicidio xustificado"

Scotland Yard acepta a súa "plena responsabilidade" no caso Menezes

O electricista brasileiro de 27 anos morreu a tiros no metro de Londres en xullo de 2005, ao ser confundido cun terrorista suicida.

Redacción - 17:45 12/12/2008

"A Policía Metropolitana lamenta profundamente que alguén perdese a vida en circunstancias así. Ante os enormes desafíos que afrontaban os nosos axentes ese día, cometemos o erro máis terríbel", sinalou o xefe en funcións de Scotland Yard.

Paul Stephenson, en nome do corpo, aceptou este venres "a plena responsabilidade" da policía londiniense pola morte do brasileiro Jean Charles de Menezes, electricista de 27 anos morto a tiros o 22 de xullo de 2005 nun tren do metro de Londres, ao ser confundido cun terrorista suicida logo dos atentados errados do día anterior.

"A morte de Jean Charles foi unha traxedia. Era un home inocente e debemos aceptar a plena responsabilidade pola súa morte", dixo Stephenson nunha breve declaración ante a prensa despois de que o xurado da investigación pública sobre a morte do brasileiro concluíse que non foi un "homicidio xustificado".

Condicionamento do xuíz
Logo de sete días de deliberacións, o xurado rexeitou a versión oficial e optou polo "veredicto aberto", onde se deixa claro que non foi "homicidio xustificado", como era a outra opción dada polo xuíz, Michael Wright. Este denegáralle ao xurado a posibilidade de "homicidio inxustificado", o que permitiría presentar cargos contra os axentes que fixeron os disparos.

"Síntome moi contenta coa sentenza", afirmou a nai de Menezes, Maria Otone de Menezes nunha declaración ante os medios na capital inglesa. "Dende que o xuíz descartara a opción de 'homicidio inxustificado' sentíame moi triste, mais agora sinto que volvín a renacer", declarou.


Ligazóns

5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: