Os pesimistas prognósticos dos sindicatos vanse cumprindo, e a factoría viguesa podería terminar o ano con perto de 1.200 traballadores menos.
Cando a crise comezou a zoupar no sector da automoción no noso país, onde están a traballar unhas 20 mil persoas, os sindicatos prognosticaron que a finais de ano poderían quedar sen emprego unhas 1.500 persoas eventuais, ás que non se lles había renovar os seus contratos.
Esta quinta feira, de tarde, sóubose que os cálculos máis pesimistas se estaban a cumprir: Citroën decidiu suprimir a quenda de noite do sistema dous, deixando na rúa entre 800 e 900 empregados eventuais. Con esta cifra, os parados deste sector, cara finais de ano, chegan aos 1.200, xa que previamente se tiñan suprimido outros 300 postos eventuais dentro da factoría viguesa. A quenda que ha parar o primeiro de xaneiro de 2009 é a que traballa na liña de montaxe do Citroën C4 Picasso e o Gran C4 Picasso, nos seus modelos de cinco e sete portas.
Unha noticia de última hora
Ao parecer, a noticia do peche desta quenda colleu de sorpresa aos sindicatos, e mesmo aos responsábeis da factoría. A primeira hora da tarde desta quinta feira, a dirección anunciáballe, a un reducido grupo de representantes do comité de empresa, as novas medidas redutoras. A pesar de que hai uns días as previsións eran outras -o propio director da fábrica, Pierre Ianni, dixera que en xaneiro había mellorar a produción-, chegou un informe de Francia que confirmaba a tendencia negativa experimentada no segundo semestre deste ano, que podería continuar nos primeiros meses de 2009. O documento confirmaba que non ía haber actividade para manter as tres quendas ao completo, e que as bolsas de horas e outras medidas de flexibilidade non estaban axudando a resolver unha situación que xa era estrutural.
A dirección da factoría viguesa tamén falou da posibilidade de fixar un día máis de paro e engadilo aos tres xa previstos para o mes de decembro na liña de construción do C4 Picasso. O novo día de paro podería ser o vindeiro 5 de decembro, que se sumaría aos paros dos días 9, 10 e 11 dese mes. Estes paros significan que do 5 ao 7 de xaneiro non vai traballar ninguén na factoría, o que ha provocar o paro das empresas auxiliares e fabricantes de compoñentes, que son as máis afectadas, porque non dispoñen de medidas temporais para paliar a falta de traballo. Nos vindeiros meses, os sindicatos sinalan que se poderían presentar varios ERES (Expedientes de Regulación de Emprego) nestas empresas.
Unha quenda afectada
Até o de agora os sindicatos loitaron porque a baixada da actividade non afectase á situación laboral dos empregados. Neste sentido, xa se tiñan reducido, na quenda de noite, as horas traballadas de cinco e cuarto a catro e cuarto, e os automóbiles terminados de 55 a 45.
Arestora, e empresa e comité están a negociar sobre a redución, que non afectará nin aos traballadores fixos nin aos eventuais con contrato aínda en vigor, senón a aqueles eventuais cuxos contratos terminan, que non serán renovados. Estes 900 traballadores son de distintas quendas (de noite e de día) e teñen xornadas laborais distintas, que van das oito ás catro horas e cuarto.
A CIG advirte que "faltan medidas reais contra a crise"