O paro medrou un 7,36% no pasado mes e o número de desempregados sitúase xa en 180.820 persoas.
O número de parados rexistrado nas oficinas do Instituto Nacional de Emprego (Inem) segue a medrar e en Galiza a taxa aumenta a maior ritmo que no Estado Español. O mes de novembro déixanos un 7,36% máis de desempregados, unha cifra que xa acada as 180.820 persoas.
Sectores económicos
O paro subiu en novembro en todos os sectores avaliados. Nos servizos, experimentou un aumento de 3.649 parados máis (+6,76%); na construción temos hoxe 2.366 desempregados máis (+11,09%); na Industria foron ao paro 1.823 persoas (+6,99%) e na agricultura fixérono outras 283 persoas (+5,12%).
Provincias
A Coruña foi a provincia que liderou a suba do desemprego: no mes de novembro quedaron sen traballo 72.358 persoas (+6,84%). Séguelle Pontevedra, con 69.394 parados máis (+7,34%); Ourense con 21.765 (+7,24%) e Lugo, con 17.303 desempregados máis (+9,85%) que no pasado mes de outubro.
Contratacións
En novembro rexistráronse no Inem un total de 53.462 contratos, unha cifra que supón un descenso de 14.713 menos respecto ao mesmo mes de 2007 (-26,56%). Do total, só 5.811 foron indefinidos, cunha caída do 25,2% respecto a novembro do ano pasado. En canto aos temporais, sumaron 47.651 (-26,63%).
No gume dos tres millóns
No Estado Español, superouse a barreira dos 2,9 millóns de parados por vez primeira en 12 anos. Esta é a oitava suba consecutiva e é case catro veces superior á rexistrada en novembro do ano pasado. Tamén subiu o desemprego en todos os sectores e baixou a cotización, é dicir, a Seguridade Social perdeu en novembro 197.087 afiliados en termos medios, situándose o total de ocupados en 18.721.387 cotizantes.