Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Suba do 7,3%, igual á do conxunto do Estado

Novembro comeza con 11.589 parados máis

O número de desempregados rexistrado nos Servizos Públicos de Emprego volveu subir no mes de outubro e ascende xa a 168.423 persoas.

Redacción - 10:15 04/11/2008

Un mes máis, os datos do INEM amosan un incremento do número de parados, desta volta nunha progresión similar á que experimenta o Estado Español. Se até o de agora Galiza resistía con porcentaxes menores, a suba do desemprego no pasado mes de outubro depara estatísticas similares: subiu un 7,39% en Galiza mentres o incremento no Estado foi do 7,34%. Se traducimos estes datos á vida real, concluímos que no pasado mes anotáronse ás listas do paro un total de 11.586 galegos.

O número de desempregados ascende así a 168.423 persoas, un 15,7% máis que a estatística correspondente ao mesmo mes do ano pasado. Por provincias, as de Lugo, Ourense e Pontevedra experimentaron un incremento maior do desemprego, mentres que A Coruña amosou unha certa resistencia. Lugo conta con 15.752 parados (sobe un 8,75%), Ourense ten 20.295 desempregados (8,23% máis), Pontevedra suma 64.648 persoas no paro (8,44% máis) e A Coruña chega xa até os 67.728 (un 5,85% máis).

Finalmente, por sectores, hai que subliñar a perda de empregos no sector da construción (1.741 empregos menos), seguido da industria (1.237 menos). No sector servizos tamén aumentou o paro (917), así como na agricultura (554).

No conxunto do Estado, o paro rexistrado subiu por sétimo mes consecutivo: incrementouse en 192.658 persoas respecto a setembro, o que sitúa o número total de desempregados en 2.818.026, a maior cifra de parados dende abril de 1996.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: