Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
PP, IF e EU

A oposición forza a baixada de soldo do alcalde e dos concelleiros de Ferrol

O BNG apoiou o PSOE no pleno -que rematou ás 3.00 horas e retransmitiuse por internet- e votou en contra da moción por "non ser prioridade".

Redacción - 14:00 28/11/2008

Os grupos da oposición municipal en Ferrol PP, IF e EU forzaron en pleno municipal ordinario a baixada de soldos do alcalde e dos concelleiros. O rexedor socialista Vicente Irisarri pasará de percibir os 73 mil euros ao ano, aprobados ao inicio do seu mandato, a pouco máis de 47 mil, como o seu antecesor na pasada lexislatura.

No segundo pleno municipal que o PSdeG afronta en minoría logo da ruptura da súa coalición con Esquerda Unida o pasado 28 de outubro, a baixada de retribucións foi aprobada pasadas as 3.00 horas deste venres con sete votos do PPdeG, catro de EU, e tres de Independientes por Ferrol; e o rexeitamento do PSdeG, que suma nove representantes, e dos dous edís do BNG.

Ademais, os edís con dedicación exclusiva e responsabilidade de goberno pasarán de cobrar de 50 mil a 36.535 euros. Vólvese deste xeito á situación anterior ao pleno do 20 de xullo de 2007, cando se aprobara a suba salarial cos votos a favor da daquelas coalición de PSdeG e EU.

Na votación deste venres, os catro edís de EU resultaron decisivos. A baixada de salarios foi un dos elementos centrais da crise política que precedeu á ruptura da coalición. A voceira de EU, Iolanda Díaz, admitiu que votar a favor da suba retributiva fora un "erro".

O voceiro municipal socialista, Ramón Veloso, abundou nos argumentos defendidos nos últimos 16 meses. Así, asegurou que os salarios se estabeleceron coa intención de "permitir o acceso á política municipal a persoas que están na súa vida laboral, para iso hailles que garantir a súa independencia económica" porque a "xente nova" incorporada á corporación, "non ten outras retribucións".

Veloso recomendoulle a EU "gardar silencio como en calquera matrimonio cando rompe", e non falar de "falsidades", e acusou a Díaz de "traficar cunha arma dobre", por apoiar unha suba salarial que despois esixiu reducir.

O BNG apoiou o PSdeG no pleno e votou en contra da moción presentada por IF por entender que no momento actual os salarios non son a prioridade para Ferrol, e que a moción se abordaba como unha "cerimonia de confusión" coa que dificultar a acción dun goberno en minoría.

Fraga de Menáncaro e primeiro debate pola web

Na sesión plenaria tamén se aprobou, cos votos a favor do PSdeG, EU e BNG, e a abstención de PPdeG e IF, a paralización das licenzas urbanísticas nun espazo de máis de 100 mil metros cadrados, integrado na Fraga de Menáncaro. Durante a pasada lexislatura, PPdeG e IF aprobaran a construción na zona, con especies en perigo de extinción e árbores centenarias, dunha urbanización de 80 chalés e un hotel de luxo.

O debate plenario, que comezou ás 19.00 horas e rematou pasadas as 3.00 horas foi, ademais, a primeira sesión retransmitida en directo a través da internet. Os cidadáns puideron seguir o debate conectándose á web do Concello de Ferrol. O alcalde iniciou o pleno saudando a todos os que puidesen estar seguindo en directo a retransmisión.


4,2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: