Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Feijoo pídelle "diálogo" a Irisarri

Chiscadelas do PP ao PSOE ás portas da fin do pacto de goberno en Ferrol

Os socialistas tentarán este luns a aprobación do regulamento da Lei de Grandes Cidades, na procura de manter o poder sen o apoio de Esquerda Unida.

Redacción - 09:00 27/10/2008

Durante a tarde deste luns, o Concello de Ferrol vivirá un pleno decisivo para o futuro a curto prazo do goberno local. Despois das diverxencias dos últimos días, o PSdeG-PSOE e Esquerda Unida darían un paso máis cara á fin do pacto que mantivo desde 2007 a estabilidade do executivo ferrolán. Os socialistas tratan por esta vía de poñer en marcha unha ferramenta que lles facilitaría a xestión do goberno en minoría. Porén, non está claro que consigan o apoio necesario, xa que contarán cos votos en contra dos actuais socios de EU e de Independentes por Ferrol. Non decidiron aínda o sentido do seu voto o BNG e o PP.

Non é o probábel que para esa manobra o PSOE vaia contar co apoio do PP, xa que os populares garantíronlle nas últimas horas ao actual rexedor, Vicente Irisarri que non presentarán unha moción de censura e que lle facilitarán o goberno en minoría. Así, o apoio do PP limitaríase a temas puntuais e sempre co voto condicionado á flexibilidade e o diálogo que concedan os socialistas arredor de cada cuestión en debate. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, explicou este domingo que se trata dunha estratexia "en defensa dos intereses de Ferrol" e insistiulle a Irisarri en que "abra vías de diálogo para que a cidade non quede sen goberno". Das palabras de Feijoo tamén se extrae un posíbel "non" do PP ao regulamento de grandes cidades, xa que na súa opinión, trátase dunha normativa que neste caso "non ten que ver coa gobernabilidade de Ferrol, senón coa comodidade do alcalde".

Mentres, a Conferencia Nacional de Esquerda Unida-IU aprobou esta fin de semana unha resolución de apoio á posición política adoptada polos seus edís no Concello de Ferrol e reprobaron a "actuación personalista" do alcalde, Vicente Irisarri, porque "facilitará que a dereita volva gobernar" na cidade. Por outra parte, EU elixiu os delegados que Galiza achegará á IX Asemblea Federal de Izquierda Unida, na que se escollerá o sucesor do ex coordinador xeral Gaspar Llamazares, quen formalizou xa a súa dimisión. Neste sentido, o sector que aposta pola refundación de IU, capitaneado pola tenente de alcalde de Ferrol, Iolanda Díaz, contará con 15 dos 18 delegados que Galiza achega á IX Asemblea Federal de IU.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: