Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
COMPARECENCIA

O Bierzo aspira a explicar no Parlamento a situación do galego

O BNG solicitou a presenza en comisión de seis representantes da cultura e da sociedade da comarca.

Redacción - 09:20 05/11/2008
Unha meniña celebrando o Maio en Vilafranca do Bierzo / Flickr: desconciertos

Unha meniña celebrando o Maio en Vilafranca do Bierzo / Flickr: desconciertos

Varios representantes de institucións sociais e culturais do Bierzo están chamados a comparecer no Parlamento para dar a coñecer a situación da lingua galega na comarca. A solicitude, presentada polo grupo do BNG, responde ao acordo acadado por unanimidade pola Cámara en xuño de 2007, para poñer en marcha programas de galeguización no Bierzo.

O principal impulsor da iniciativa, Bieito Lobeira, comprometérase en Vilafranca co presidente do Consello Comarcal do Bierzo a adoptar medidas na defensa do galego na zona. O parlamentario lembra que na comarca hai 40 mil habitantes que usan unha lingua que carece de recoñecemento xurídico.

Lobeira explicou que a convocatoria forma parte da idea de promover e protexer a lingua galega fóra dos límites administrativos de Galiza. O feito de que sexan as propias institucións bercianas as que se presenten perante unha institución oficial como o Parlamento é un xeito de "acabar coa distorsión de que o BNG practica o imperialismo lingüístico, que acadou eco en determinados medios".

"Que sexan representantes da comarca do Bierzo os que dean o seu punto de vista para evitar calquera tipo de susceptibilidade", engadiu o parlamentario.

A petición de comparecencia en comisión inclúe os nomes de Héctor Silveiro, membro correspondente no Bierzo da RAG e coordinador da Comisión Cultural Martín Sarmiento de Vilafranca do Bierzo; Xabier Lago, presidente da asociación cultural Fala Ceibe; Manuel Mañá, presidente da asociación Xarmenta; Marisa Cela, directiva da Escola de Gaitas de Vilafranca; María Luisa González, alcaldesa da Veiga de Valcarce e membro do Consello Comarcal do Bierzo e José Manuel González, alcalde de Valboa.

Lobeira explicou que entre as persoas que forman parte da comparecencia, hai un abano que inclúe políticos do PP e do PSOE e institucións representativas da comarca. Tamén lembrou que o pobo da comarca xa amosou o seu interese en recibir as emisións dos medios de comunicación públicos galegos, así como participar na cobertura informativa no noso país. E, como mostra da súa implicación en accións culturais e deportivas, xa iniciaron colaboracións coas direccións xerais de Xuventude e Deporte.


4,79/5 (14 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: