Vieiros

Vieiros de meu Perfil


O Bierzo

Edición xestionada por Vieiros
RSS de O Bierzo
NORMALIZACIÓN

Expertos do Consello de Europa reúnense con Xarmenta para avaliar a situación do galego no Bierzo

O 11 de setembro unha delegación do Consello de Europa encargada de vixiar o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias reuniuse na Casa de Europa de Compostela cun grupo de representantes de Xarmenta, encabezado polo seu secretario, Rafael Adán.

Redacción - 12:08 21/09/2007

Tras darlles a coñecer a presenza da lingua galega nesa zona da provincia de León e informalos das principais actividades da asociación, comentáronlles os principais atrancos, no tocante aos aspectos tratados na Carta, cos que se atopa o proceso de normalización na zona.
A principal liña tratada foi a educación e o actual convenio de colaboración para a inclusión do galego no sistema educativo de Castela e León. Os xarmenteiros criticaron a deficiente información recibida polo alumnado e expresaron a necesidade de aumentar as horas en Primaria, dunha maior flexibilización á hora de matricularse no programa en Secundaria, así como de incrementar a carga lectiva específica de Lingua Galega nesta etapa. Tamén trataron as peculiaridades da provincia de Zamora, os problemas puntuais de rexeitamento cara ao galego e a importancia de acadar que os centros da zona galegófona castelán-leonesa teñan a obriga de ofertar a posibilidade de matricularse no programa.

Por outra banda, no ámbito dos medios de comunicación, dada a súa importancia no mundo actual, fixeron fincapé no próximo "apagón analóxico" e na posibilidade de deixar de recibir o sinal d'A Galega, pois a substitución pola televisión dixital terrestre podería supeñer que estes territorios galegofalantes pasasen a carecer absolutamente dunha canle televisiva na súa lingua.
No eido da toponimia, indicáronlles a urxencia de oficializar os nomes orixinais galegos, aspecto no que non se fixo nada nos últimos anos. A carón dos correctos Carracedo ou Trabadelo, coexisten hoxe formas deturpadas como Villadecanes ou Peranzanes.
Finalmente, aproveitando que todos os membros do comité proviñan do mundo xurídico, a delegación xarmenteira tratou a tramitación do Estatuto de Autonomía de Castela e León, onde o galego pasa a ocupar un lugar terciario (incluso na ordenación textual) respecto do castelán e do leonés. Tras concederlle a máxima importancia ao español, o texto aprobado polas Cortes de Valladolid recolle para o leonés protección "específica" mentres que que non recolle ese adxectivo para a nosa lingua. Ademais fala dunha futura regulación para o leonés e garda silencio sobre o galego nese aspecto. Neste senso, fixéronse votos para que esta situación poida ser variada no proceso de tramitación no Congreso dos Deputados.


4,43/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: