Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cambios longamente demandados

A UE cavila noutro FMI posíbel, pero cal?

O alcance e profundidade da reforma da institución dependerá dos consensos do cumio internacional sobre a crise financeira o próximo mes de decembro.

Redacción - 11:45 04/11/2008

Os ministros de Economía e Facenda da Unión Europea (Ecofin) xúntanse este martes cun primeiro borrador na mesa sobre os asuntos a tratar no próximo cumio internacional en decembro arredor do sistema financeiro mundial. O esquema elaborado pola presidencia de quenda da UE, o goberno francés, fixa unha reunión previa dos xefes de Estado para a próxima fin de semana co obxectivo de aclarar esa proposta que a UE levará á cita de decembro.

Unha das prioridades que o documento sinala é a da reforma do Fondo Monetario Internacional (FMI). A prevención e a coordinación fronte a futuras crises e o estabelecemento dunha lexitimidade clara do escenario financeiro son algúns dos obxectivos apuntados ao respecto. Con todo, a proposta inicial nace do acordo previo do presidente francés, Nicolás Sarkozy, e o primeiro ministro británico, Gordon Brown. Segundo os criterios consensuados polos dous mandatarios, o FMI debe consolidarse como parte dun sistema de "goberno" mundial e recibir da inxección de medios necesaria para de xeito inmediato frear o contaxio da crise actual nas economías aínda pouco afectadas. Así e todo, Sarkozy e Brown de pouco máis falaron que do incremento dos fondos a manexar pola institución, unha achega adicional que segundo eles lles correspondería asumir fundamentalmente a China e ao conxunto dos principais países produtores de petróleo.

Transparencia e pluralidade de voces
Outros membros da UE pronunciáronse en favor dunha reforma onde os países emerxentes e en vías de desenvolvemento teñan maior representación. Un primeiro paso, sería a introdución de máis transparencia na elección do director da institución, unha recomendación que tamén se fai para o Banco Mundial (BM), rematando coa tradición de UE e Estados Unidos de repartírense arbitrariamente para cada un deles o liderado de FMI e BM.

Ao respecto de posíbeis cambios no FMI o goberno neerlandés foi un dos que se pronunciou con maior concreción estes días. O primeiro ministro Jan Peter Balkenende, explicaba recentemente para o Financial Times que o organismo debera dar lugar a unha Organización para Estabilidade Financeira Global (OEFG). Esta nova ferramenta na opinión de Balkenende podería recibir novas competencias e poderes de supervisión sobre os sistemas financeiros estatais. De xeito específico, suxire que a capacidade supervisora estabeleza mecanismos claros de transparencia e que se explicite en informes e indicadores que sexan feitos públicos periodicamente. De forma paralela, as xuntanzas informais actuais de ministros de finanzas, bancos centrais e institucións internacionais, pasarían a funcionar de xeito organizado baixo este OEFG.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: