Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
CRÓNICA: UNHA MOCIÓN DE CENSURA NA COCIÑA

A dereita de Sada prepara a súa reunificación para derrocar o BNG

O PP coruñés autoriza a Hernández Cochón a buscar unha entente cos partidarios do ex rexedor Rodríguez Ares.

R.Vilar - 12:00 01/11/2008
O ex alcalde Ramón Rodríguez Ares, con traxe e garavata, botándolle unha partida ao trivial

O ex alcalde Ramón Rodríguez Ares, con traxe e garavata, botándolle unha partida ao trivial

O Partido Popular de Sada que capitanea o que fora conselleiro de Sanidade Xosé María Hernández Cochón e o Partido Demócrata Sada Popular (PDSP), fundado polo polémico ex alcalde Ramón Rodríguez Ares, negocian unha nova fusión. Co permiso explícito da dirección provincial, o PP (que conta con dous concelleiros) intenta reintegrar nas súas filas os seis edís da outra formación.

A dereita sadense fendeu en dous logo de que o histórico alcalde Ramón Rodríguez fose expulsado por promover unha moción de censura contra o nacionalista Abel López Soto en 2003 (poucos meses despois dos comicios). Agora, as diferentes forzas conservadoras da localidade preparan o terreo para botar outro pulso que saque de novo os nacionalistas do poder.

Hernández Cochón e os homes de Rodríguez Ares teñen as contas claras. Os dous concelleiros 'populares', os seis do PSDP e o único edil de Agrupación Sada Unida (ASU) superan os seis nacionalistas e dous socialistas que sosteñen a alcaldía de Abel López Soto. O único obstáculo para que os conservadores recuperen o control político en Sada é o nome do novo rexedor. Para desbancar ao BNG, Hernández Cochón deixou entrever que non se opón a que o alcalde sexa David Brandariz, o único representante de ASU.

De moción en moción
Sada é sen dúbida o concello politicamente máis convulso de toda a área metropolitana coruñesa. A vida pública viuse condicionada nos últimos cinco anos polo duro enfrontamento entre nacionalistas e conservadores. No centro de toda a polémica está o que foi sempiterno alcalde da localidade: Ramón Rodríguez Iglesias, 'Moncho é moito'. O ex rexedor gobernou expeditivamente o municipio dende as primeiras eleccións de 1979 (cando se presentou por Alianza Popular). Durante os anos 80 e especialmente nos 90, Sada experimentou unha espectacular febre urbanística. Algúns non dubidaron en comparar a localidade, meca dos promotores e construtores máis variados, cunha pequena “Marbella galega”. Do talante do daquela alcalde, abonde dicir que, a pesar das críticas, na Alcaldía continuaba pendurando o retrato do xeneral Franco, de quen sempre se confesou admirador.

Despois de 24 anos ininterrompidos como rexedor, Rodríguez Ares tivo que facer provisionalmente as maletas en 2003 e deixarlle a alcaldía ao nacionalista Abel López Soto. Porén, o cambio durou ben pouco. En xaneiro de 2004, Rodríguez Ares (daquela aínda no PP) recuperaba a poltrona ao sacar adiante unha moción cos seus oito concelleiros e cun tránsfuga do PSdeG, Xosé Luís Santamaría. Dende o Bloque aseguraron que detrás desta xogada había evidentes intereses urbanísticos.

O tempo pareceu darlle a razón aos nacionalistas. Ao pouco de retomar a alcaldía, Rodríguez Ares reiniciou as súas peculiares prácticas urbanísticas. Logo dun novo trebón de licenzas para a construción de inmóbeis, a finais de 2005 a Xunta decidiu suspender as normas urbanísticas, ao estimar que existían graves irregularidades, decisión que logo ratificaría o TSXG.

Logo de perder novamente a alcaldía en maio de 2007, Rodríguez Ares decidiu apartarse da primeira liña política para ver de posibilitar unha alternativa ao goberno de BNG-PSdeG. Porén, moitos ven detrás dos últimos movementos outra vez a sombra do ex rexedor, que logo das súas discrepancias públicas co PP volveu ao rego e apoia de novo o proxecto de Núñez Feijoo.


5/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: