Ademais pide que valore o informe de Amnistía Internacional que acusa ao Estado Español de incumprir as obrigas internacionais de dereitos humanos.
O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados quere que o Goberno informe sobre os voos da CIA que recalaron en Galiza. Francisco Jorquera presentou unha iniciativa na que pide explicacións por estes feitos que recolle Amnistía Internacional (AI) no seu informe "Destinos inconfesábeis, obrigas incumpridas", segundo o cal Lavacolla e Peinador foron empregados como escalas cara Guantánamo polos avións da axencia estadounidense de intelixencia.
Jorquera asegura que "estes feitos son o suficientemente graves como para que o goberno abra unha exhaustiva investigación", con independencia da que xa está a levar a cabo a Audiencia Nacional. Finalmente, pregúntalle ao Goberno como valora este informe de AI, que acusa ao Estado Español de "non ter feito nada para impedir os voos, nin o uso dos seus aeroportos, nin as detencións ilegais practicadas pola CIA".