Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Amnistía detectou os voos ilegais

Ademais de Peinador a CIA tamén usou o aeroporto de Lavacolla

O colectivo láiase de que aeroportos galegos fosen usados no traslado de detidos cara a Guantánamo e pide que sexan declarados "zonas libres de violacións de dereitos humanos".

Redacción - 13:10 08/10/2008

Cando menos hai tres voos presuntamente vinculados á CIA que foron detectados nos aeroportos de Vigo (Peinador) e Santiago (Lavacolla). Amnistía Internacional achega os datos: o avión matrícula N168BF Xenebra-Vigo o 31.08.05 e o Vigo-Banjul (Gambia) o 01.09.05, así como o do avión matrícula N970SJ Santiago de Compostela –Bedford (EE.UU.) o 17.10.02. Aparecen referenciados no informe "Destinos inconfesábeis, obrigas incumpridas", que bota man de varias fontes, incluída a investigación do Parlamento Europeo, que documenta 68 escalas de avións relacionados con actividades ilegais da CIA en aeroportos do Estado español. Até o de agora en Galiza había só constancia do uso por parte da CIA da pista viguesa.

"Malia a gravidade dos feitos, o goberno español non tomou nin unha soa medida efectiva para impedir que España volva facilitar este tipo de prácticas ilegais", láiase Alberto Estévez, voceiro da organización en Galiza, "nin sequera o fixo a partir de 2005, cando xa non era quen de alegar descoñecemento da existencia destes voos", engade. Aministía Internacional sinala así que a "guerra contra o terror" promovida polos Estados Unidos si tivo impacto en Galiza, xa que voos relacionados coas entregas extraordinarias e detencións secretas terían pasado polo espazo aéreo do país.

Alén de informarlles aos directores dos tres aeroportos galegos, Amnistía Internacional vailles pedir que asinen unha declaración de condena do uso das instalacións para este tipo de actividades ilegais. A petición inclúe unha lista de medidas coas que Amnistía quere que estas instalacións se comprometan e sitúen á vangarda da protección dos dereitos humanos.


4,43/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: