Os grupos parlamentarios negocian a esta hora as propostas de resolución, fundamentalmente relacionadas co ámbito económico. Nunha delas, PSdeG e BNG desafían o PP a condenar o franquismo.
A apertura de negociacións para conseguir a participación do Goberno na xestión das infraestruturas aeroportuarias de Galiza e a demanda de que Navantia Fene poida volver fabricar buques civís son dúas das principais propostas de resolución acordadas polos grupos parlamentarios de PsdeG e BNG para este debate do estado da nación.
Socialistas e nacionalistas reclaman nunha das súas 31 propostas de resolución que a Xunta negocie co Estado a súa participación na xestión de Alvedro, Lavacolla e Peinador, como xa fan Cataluña e Madrid nos aeroportos de El Prat e Barajas.
Tamén no ámbito das infraestruturas, os socios de Goberno instan a Xunta a crear un Ente Xestor de Infraestruturas Ferroviarias para a xestión das proximidades e para impulsar, en colaboración cos concellos, novas iniciativas de mobilidade para mellorar o transporte público.
Por outro lado, PSdeG e BNG instan a Xunta a defender ante o Estado e a Unión Europea que se estabelezan normativas que regulen as marxes comerciais das materias primas alimentarias de primeira necesidade, para evitar especulacións e darlle maior transparencia ao mercado. Tamén propoñen a creación dun observatorio de prezos dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura.
De paso, as dúas formacións que apoian o Goberno subliñan a necesidade de que na revisión do modelo de financiamento autonómico se defenda que se teñan en conta a totalidade dos servizos, que se recolla a dispersión e o envellecemento da poboación entre os criterios de repartición e que se avance nun espazo fiscal propio para Galiza.
Finalmente, piden que a Xunta poida xestionar os recursos en materia de solo de vivenda residencial, de maneira que a inversión sexa "directa" e "completamente territorializada", co obxectivo de conseguir unha "maior operatividade" na execución das políticas nesta materia.