A obra de Carlos Gorostiza, dirixida por Rosa Álvarez, continúa a súa xira por Galiza: Cangas, Ribadavia, Cee, Ourense, Narón, e agora Compostela.
"O público sae da obra coa bágoa no ollo, pero o sorriso de lado a lado da cara". Así define Ernesto Chao a montaxe de Aeroplanos realizada por Lagarta Lagarta, unha comedia que narra, con tenrura, a amizade entre dous viúvos, Cristo e Paco, que, xa vellos, chegan a facerse imprescindíbeis o un para o outro. A obra constitúe o debut de Rosa Álvarez na dirección.
Aeroplanos estreouse en xullo na XXV Mostra de Teatro Cómico Festivo de Cangas, e durante o verán veu percorrendo os principais festivais escénicos do país, como o de Ribadavia e o de Cee. Agora continúa o seu camiño polos teatros galegos, chegando esta semana ao Salón Teatro de Compostela, onde se representará dende o xoves 9 ao domingo 12.
Aeroplanos é un texto orixinal do veterano dramaturgo arxentino Carlos Gorostiza, autor que recibiu numerosas distincións entre as que cómpre destacar o primeiro Premio Nacional de Teatro Arxentino ou o Premio Planeta de Narrativa, tamén en Arxentina. A tradución foi responsabilidade de Avelino González, gañador dos dous últimos María Casares de tradución, que, na versión galega, mantivo os personaxes no país sudamericano. Carlos Gorostiza amosou a súa satisfacción co texto galego e varios dos seus familiares desprazáronse até Cangas para asistir á súa estrea.
Ernesto Chao e X.M. Olveira Pico, parella artística dende hai moitos anos, protagonizan a obra amosando unha gran compenetración. O texto camiña entre o humor e o drama, aínda que, en palabras de Rosa Álvarez, "sabemos que rir é unha defensa contra a anguria e, de maneira moi xeral, a comedia é o lugar de todos os alivios posíbeis".