Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DE ESTREA O VENRES ÁS 20.30 NO AUDITORIO DE NARÓN

Lagarta Lagarta volve con 'Carambola (cóncavo convexo)'

Ernesto Chao, Belén Constenla, Elina Luaces, Rosa Álvarez, Rebeca Montero e Anabell Gago, dirixidas por Lino Braxe sobre texto de José Luis Prieto -o autor de Fobias-, estrean o venres en Narón Carambola (cóncavo convexo), a súa nova peza despois dun 2005 inzado de éxitos. Segundo o director, Lino Braxe, que simultanea os ensaios desta obra cos do Hamlet galego en cartel, "é teatro comercial pero elegante, Prieto é moi claro nas emocións que quere transmitir ao público. Pola miña parte, pasar de Hamlet a Carambola tamén tiña o seu atractivo". Teñen trinta funcións confirmadas até xuño. Os días 15, 16 e 17 de marzo estarán en Santiago.

- 16:50 02/03/2006
Tags:

Con Fobias, en 2005, Lagarta Lagarta conseguiu tres María Casares -mellor espectáculo, texto orixinal e actriz protagonista- e o Max ao mellor texto teatral en galego. Xa en setembro, José Luis Prieto tíñalles preparado o novo, que empezaron a ensaiar en xaneiro.

Rosa Álvarez, un dos rostros míticos e vivos do teatro galego, fai de Clara, "unha mística, unha mente libre apaixonada da morte". Para Álvarez, o texto de Prieto "é máis maduro e máis complicado de traballar desde a dirección. En Fobias había varios xogos e aquí só hai un moi complicado... Trátase de saber cómo podemos enganar na vida, o xogo de identidades. Quen somos, se somos así de verdade ou somos outros".

Lino Braxe comenta que simultanear a dirección de dúas pezas tan dispares coma o Hamlet -galego- e a que mañá se estrea en Narón "lévase barbaramente... a min dinme que funciono baixo presión, é dicir, que estou derreado e moi contento, todo a un tempo".

Carambola (cóncavo convexo) é o terceiro espectáculo que produce Lagarta Lagarta, nacida a partir de Ernesto Chao -agora de volta no teatro- e Rosa Álvarez. A súa primeira peza -antes de Fobias- foi Cartas de amor, dirixida por Avelino González sobre un texto de A. R. Gourney, con Mabel Rivera e Xosé M. Olveira.


0/5 (0 votos)