Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ESTA FIN DE SEMANA...

lagarta, lagarta estrea unha obra de Bordón

As últimas lúas, de lagarta, lagarta, adaptación do texto de Furio Bordón, estréase esta fin de semana no Salón Teatro compostelán. Mentres, tanto Vigo como Compostela continúan coas súas propostas alternativas, e varias vilas galegas acollen nos seus escenarios obras clásicas, magos, monicreques, monólogos... Velaquí a programación para esta fin de semana.

Redacción - 15:06 02/03/2007
Tags:
Escena da obra

Escena da obra

Molière parece ser unha das estrelas da fin de semana: o venres ás 20.30 e o sábado ás 20.00, no Auditorio Municipal de Narón, poderemos ver O burgués fidalgo, por Teatro do Morcego, e o venres ás 22.00 estarán no Centro Cultural e Xuvenil de Muros Teatro Galileo c'O avaro. Ao día seguinte, estará na Xunqueira, en Redondela, á mesma hora.

Outro clásico: Sarabela Teatro leva a súa revisión do Macbeth de Shakespeare o domingo ás 20.30 á Aula Municipal de Cultura de Betanzos. E cambiando bastante de terzo, o monólogo de Ricardo de Barreiro, Merda, estará o domingo ás 19.30 na Casa da Cultura de San Sadurniño. Mentres, continúan Teatro de Ningures con Emigrados, o venres ás 22.30 no Auditorio Municipal de Cangas. Repiten sábado e domingo ás 20.30. E por último, Ditea continúa con Melocotón en xarope, versión do texto de Mihura, este sábado ás 20.00 en Cee.

Propostas arriscadas en Vigo e Compostela
En Vigo, no Teatro Ensalle, hannos contar Historias do corpo ao longo de toda a fin de semana: venres e sábado ás 22.00 e domingo ás 21.00. A compañía mallorquina de danza Au Ments transforma a corporeidade e pon sobre as táboas as memorias do corpo. Po outra banda, o TAL acolle a versión para concerto da Ópera Forte Fonética da Última Rata. Música, ópera, poesía visual e teatro conflúen nun espectáculo que poderemos ver venres e sábado ás 22.00 e o domingo ás 20.00. A entrada custa 10 €. O teatro alternativo seguirá dando que falar esta fin de semana: o venres ás 20.00 gozaremos do espectáculo da compañía portuguesa Mc4Danza, As palabras nao ocupam espaço e Disritimia, e o sábado ás 21.30 da lisboeta Shakespeare Women Company, coa circense Julietta.

E tamén en Compostela continúa o Festival Zoona Alternativa na Nasa, desta vez, con Los Corderos SC e a súa Crónica de José Agarrotado (menudo hijo de puta), venres a sábado ás 22.00. Mentres, na Yago Producciones OFF sobe ás táboas El arquitecto y el relojero, venres ás 20.30, sábado ás 22.30 e domingo ás 19.00. Por último, no Salón Teatro teremos a ocasión de ver a estrea da última montaxe de lagarta, lagarta, As últimas lúas, inspirada no texto de Furio Bordón, o sábado ás 20.30 e o domingo ás 18.00. Antes, o venres ás 20.30, continúan Rayo Malayo con Los olvidados.

Danza, maxia, e teatro para os pícaros
O Centro Coreográfico Galego continúa espallando Vacuo por Galiza: o venres ás 21.30 estarán no Teatro Municipal Área Panorámica de Tui. En canto á maxia, o Mago Richard estará no Centro Cultural e Xuvenil de Muros o sábado ás 19.00.

Os máis pequenos aínda poden gozar da montaxe do CDG Tarará - Chis - Pum! o sábado ás 19.00 no Fórum Metropolitano da Coruña. E non han faltar títeres: en Pontevedra, o Teatro Principal acolle este domingo ás 18.30 La queja de Mariteja, da compañía navarra Maricuela. A entrada custa 2 €. Tamén o domingo, pero ás 12.30, como sempre, a Sala Yago continúa coa súa programación de monicreques, coa historia de Pinochio contada por Cachirulo.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: