Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Queixa da Xunta

As deputacións de Ourense e Pontevedra obstaculizan a creación dos consorcios contra incendios

Unha vez máis, o Goberno critica o uso que o PP estaría facendo dos seus espazos de poder para obstruír as políticas do executivo.

Redacción - 09:00 03/10/2008
Rafael Louzán e Corina Porro, presidente e vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, á beira do líder do PPdeG

Rafael Louzán e Corina Porro, presidente e vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, á beira do líder do PPdeG

O consorcio provincial contra incendios da provincia da Coruña está xa constituído, mentres que o de Lugo estaría case rematado. Mentres, a iniciativa permanece freada nos casos de Ourense e Pontevedra. A situación, segundo explican desde a Consellaría de Presidencia, deberíase á negativa das respectivas deputacións, que imposibilitan polo momento a posta en marcha destes proxectos.

En resposta á interpelación do sindicato Comisións Obreiras, o departamento de Xosé Luís Méndez Romeu queixouse esta semana da "actitude obstrucionista" das institucións lideradas respectivamente polos populares Rafael Louzán, en Pontevedra, e Xosé Luís Baltar, en Ourense. A actitude non tería permitido até o de agora crear os parques de bombeiros de Caldas de Reis, A Cañiza, Baiona, Carballiño e Bande. A Xunta estabeleceu un prazo de tres anos para a creación destas iniciativas de salvamento e contra incendios, derivados da aprobación da Lei de Emerxencias, e de momento só as deputacións ourensá e pontevedresa obstaculizarían o despregue do calendario previsto.

Por outro lado, Presidencia defende a xestión dos parques por parte de empresas privadas, un modelo criticado polos sindicatos pero que xa fora iniciado polo goberno do PPdeG. Doutra banda, o departamento liderado por Xosé Luís Méndez Romeu salienta a creación da Axencia Galega de Emerxencias, asegurando que reforzará o existente 112 SOS Galicia.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: