Representantes sindicais arremeten contra a Consellaría de Educación por non establecer a obrigatoridade da “coeducación” de sexos á hora de asinar os concertos cos centros privados.
As organizacións sindicais consideran que a Consellaría de Educación debe elaborar unha normativa que remate coas subvencións a centros privados que non permiten a coeducación de nenos e nenas. Logo de que este xornal desvelase que proseguen as axudas a catro centros que impiden a educación mixta, representantes de CIG, UXT, STEG e CC.OOO coinciden en que a consellaría debe tomar medidas urxentes.
O responsábel nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, sinala que é “incomprensíbel” que a consellaría siga dando cuantiosos fondos públicos a este tipo de centros privados. Lembra que o segregacionismo de sexos vai contra a LOE que insiste na “coeducación” de rapaces e rapazas. Dende a CIG considera un “verdadeiro escándalo” que Educación siga a mesma liña que os anteriores gobernos do PPdeG á hora de establecer os concertos.
Xosé Fuentes, dirixente de CC.OO-Ensino, afirma que o sindicato ao que pertence se opón frontalmente a separación de rapaces e rapazas: “Estes ultraconservadores da Igrexa Católica póñennos os pelos de punta”. Fuentes subliñou que Galiza debería seguir o exemplo de comunidades como a de Castela-A Mancha e anularlle as axudas públicas a aqueles centros que non aposten pola “coeducación”.
Xosé Cabido, de STEG, considera “alarmante” que se subvencionen centros que “afondan na diferenciación entre sexos”. Cabido acusou á consellaría de non ter “valentía política para aplicar políticas progresistas”. Logo de coñecer a noticia, Cabido anunciou que o sindicato vai estudar un asunto que cualifica de “ especialmente grave” e sinala que van facerlle preguntas ao respecto á consellaría na Mesa Sectorial de Educación.
Dende a UXT, Xerardo Morano coincide cos outros sindicatos e sinala que a educación debe ser sempre mixta. Aínda que subliña que son partidarios de que a Xunta non subvencione este tipo de colexios, Morano cre que hai que estudar se hai “razóns legais” que dificulten a adopción de medidas.