A Xunta non segue os pasos doutras comunidades que decidiron deixar de destinar fondos públicos a un modelo de ensino que rexeita a “coeducación” de nenos e nenas.
O feito de segregar na educación a nenas e a nenos segue sen ser motivo para retirarlle as subvencións a centros privados. A Consellaría de Educación volve destinar fondos para costear catro colexios que separan os alumnos por sexos. O pasado 27 de agosto publicouse no DOG a listaxe cos centros privados e na mesma volven aparecer os colexios coruñeses Montespiño (feminino) e Peñarredonda (masculino) e os vigueses Las Acacias (feminino) e Montecastelo (masculino). Os catro centros pertencen á federación Fomento de Centros de Enseñanza, unha institución estreitamente vinculada ao Opus Dei.
Tal e como xa denunciaba Vieiros o pasado mes de xuño, a filosofía destes centros é radicalmente oposta á educación mixta e ás directrices da Lei Orgánica de Educación (LOE) que recolle a necesidade da “coeducación” dos sexos.
A subvención deste tipo de centros volveu ás portadas dos xornais o pasado mes de xuño. Entón, o Tribunal Supremo dáballe a razón á Xunta de Castela-A Mancha que decidira negarlle a posibilidade de subvención a aqueles centros que segregasen nenos e nenas.
Fontes da Consellaría de Eduación aseguráronlle a Vieiros no mesmo mes de xuño que estudarían seguir os pasos da comunidade manchega (gobernada polos socialistas). Porén, este curso 2008/09 os catro centros citados continuarán recibindo fondos públicos.
Noticias anteriores: