Un xulgado do contencioso administrativo da capital estima a demanda do MpDC, en relación ao incumprimento de renovación de licenzas.
Cámara na Praza do Toural, en Compostela / Foto: MpDC
O xulgado número 1 do Contencioso Administrativo de Compostela sentenciou que o concello da capital debe retirar as cámaras de videovixilancia que ten instaladas no casco histórico, informa o Movemento polos Dereitos Civís (MpDC), asociación que presentara unha demanda en xaneiro de 2006.
Segundo o estabelecido na sentenza, feita pública este venres, o maxistrado considera que "debo declarar e declaro a non conformidade a dereito do acto administrativo recorrido, condenando a Administración demandada á retirada das cámaras de videovixilancia na zona vella de Santiago de Compostela". A resolución aínda pode ser recorrida no TSXG.
O Concello de Santiago incumpriu os prazos designados pola lexislación para a solicitude de renovación da autorización, carece de libro de rexistro das imaxes e tivo operativas as cámaras durante meses sen contar coa sinalización debida, tal e como obriga a lexislación.