A Reserva Federal rescata a entidade cun préstamo de 85 mil millóns de dólares para impedir que a súa creba arrastre todo o sistema económico.
O goberno adquiriu o 79,9% das participacións
A Reserva Federal Estados Unidos autorizou este martes á Fed de Nova York a prestar até 85 mil millóns de dólares (60,045 millóns de euros) á aseguradora American International Group (AIG), a máis grande do mundo, para intentar liquidar a súa fráxil situación financeira.
O directorio do banco central estadounidense informou de que o préstamo garantido foi autorizado co total respaldo do Departamento do Tesouro "con termos e condicións deseñadas para protexer os intereses do goberno de Estados Unidos e dos contribuíntes".
"O propósito desta liña de liquidez é axudar a AIG a cumprir coas súas obrigas na medida en que vencen", agregou nun comunicado. O goberno estadounidense recibirá un 79,9 por cento de participación en AIG e ten o dereito a veto nos pagos de dividendos para accionistas comúns e preferentes.
A Fed indicou que nas actuais circunstancias, unha creba desordenada de AIG agregaría niveis significativos de fraxilidade aos mercados financeiros, incrementando os custos de créditos e debilitando a economía.
Ademais, considerou que a nacionalización era algo necesario, en contraste co do banco de investimento Lehman Brothers, xa que a aseguradora ten extensos vínculos con outras firmas e produtos financeiros, e porque os mercados estaban mellor preparados para a bancarrota do primeiro.