O Banco de Xapón tivo que inxectar 7.100 millóns de euros para darlle liquidez a un mercado que arranca con fortes perdas.
Non houbo sorpresas. Tal e como se agardaba, as bolsas do continente asiático abriron este marte con fortes caídas, tal e como ocorreu o luns en América e Europa. A creba do banco Lehman Brothers demostra unha vez máis que a crise nunha economía globalizada non entende de fronteiras.
Logo de permanecer pechadas as principais bolsas asiáticas por ser día festivo, o índice Nikkei de Tokio caía cinco puntos e acadaba o nivel máis baixo dende 2005. Ao igual que fixo o Banco Central Europeo, o Banco de Xapón tamén anunciou que ía inxectar 7.100 millóns de dólares para intentar estabilizar os mercados.
Os expertos consideran que a crise económica internacional pode aínda agravarse máis nos vindeiros días. Todas as olladas están postas noutros bancos e grandes aseguradoras que atravesan dificultades importantes de liquidez e que poderían ter que seguir o camiño de Lehman Brothers.