Medvedev advirte que Rusia dará resposta ao despregamento de mísiles da OTAN perto das súas fronteiras.
O presidente de Cosova, Fatmir Sejdiu, afirmou este martes que o recoñecemento da independencia cosovar por moitos países non pode servir de argumento para xustificar a decisión rusa de recoñecer a independencia de Osetia do Sur e Abkhazia.
"Sempre insistimos e seguiremos a insistir en que Cósova posúe características específicas. É un caso único no seu xénero o que non pode sentar precedente noutras zonas e rexións conflitivas", dixo Sejdiu, que no que respecta á Osetia do Sur e a Abkhazia, está "ao lado dos principais países do mundo".
Escudo antimísiles da OTAN
Por outra banda, o presidente ruso Dmitri Medvédev advertiu nunha entrevista á cadea de televisión árabe Al Jazeera que Rusia se ha ver obrigada a dar unha resposta militar ao despregamento de mísiles da OTAN perto das súas fronteiras.
A instalación dun radar de defensa antimísiles na República Checa e dunha base de mísiles interceptores en Polonia "constitúen unha ameaza para nós". Rusia terá que "reaccionar dalgún xeito, loxicamente, con recursos militares", engadiu.
O presidente ruso recoñeceu que a aprobación de plans de acción individuais para o ingreso de Xeorxia e Ucraína na OTAN "non agradará en absoluto" a Moscova e "instigará a tensión". Tamén sinalou que "non estaría mal consultar a opinión dos cidadáns de Ucraína, porque non se celebrou sequera un referendo neste país".