Está previsto que a Cámara Baixa aprobe este luns pola tarde unha proposta idéntica a aprobada na Alta pola mañá.
O Consello da Federación, ou Cámara Alta do parlamento de Rusia, aprobou este luns pola mañá propoñerlle ao presidente Dmitri Medvédev que recoñeza a independencia das rexións de Xeorxia autoproclamadas repúblicas independentes, Abkhazia e Osetia do Sur.
Está previsto que a Duma Estatal (Cámara Baixa) aprobe de igual xeito esta tarde a mesma petición. Ao igual que na sesión da mañá, estarán presentes os dirixentes de ambos os dous territorios, Serguei Bagapsh e Eduard Kokoiti, respectivamente, informan as axencias locais.
"Solicito a Rusia que recoñeza a Osetia do Sur en calidade de Estado soberano e independente", manifestou o Kokoiti ao intervir ante os deputados rusos, e afirmou que o seu pobo "fixo todo por obter a independencia en estrita consonancia coas normas do Dereito Internacional".
"Stalingrado caucasiano"
Ademais, o dirixente sudosetio cargou contra o goberno xeorxiano: "O que fixeron en Osetia do Sur os líderes de Xeorxia non merece outro cualificativo senón Stalingrado caucasiano".
Bagapsh, o seu homólogo abkhazo, afirmou que ningunha das dúas repúblicas "xamais volverá formar parte dun Estado único con Xeorxia". "Como nacións pequenas, entendemos que un suxeito do Dereito Internacional (un Estado, a efectos xurídicos) ten máis obrigas que privilexios, mais asumímolo de xeito consciente para preservar as nosas etnias e as nosas linguas", declarou.