Os socialistas din que as festas para a terceira idade que organiza Vicepresidencia son "actos políticos".
O coordinador da Executiva do BNG, Francisco Jorquera, cualificou este sábado de "falta de respecto aos maiores" as críticas do voceiro parlamentario socialista, Ismael Rego, ás festas para a terceira idade que organiza Vicepresidencia, e as achacou ao "nerviosismo" do PSdeG "ante a evidencia de que a xestión do BNG é vista con simpatía por cada vez máis galegos".
Rego acusou o venres o BNG de "utilizar os maiores" con xornadas como a organizada por Vicepresidencia en Vilalba, que logrou reunir, segundo os promotores, máis de 12.000 persoas. Considerou ademais que se está a retomar o que facían os gobernos de Manuel Fraga e queixouse de que a reunión fose feita con fondos públicos "para facer un acto meramente político".
Fronte a todo iso, Jorquera advertiu de que o BNG seguirá desenvolvendo e fortalecendo as políticas sociais e recomendoulles aos socialistas que se dediquen a gobernar e resolver os problemas dos cidadáns e que deixen "os foguetes electorais para cando o presidente teña a ben convocar as eleccións".
O dirixente nacionalista insistiu en que as declaracións de Rego son "unha falta de respecto ás persoas maiores, impropias dun dirixente dunha forza de goberno", e reclamoulle que se realmente lle preocupan as políticas para a terceira idade lle esixa ao goberno español que destine a Galiza os fondos comprometidos e necesarios para aplicar a Lei de dependencia.