Un escenario 100% galego: The Blows, Projecto Mourente, Nadadora, Niño y Pistola, Fanny&Alexander, Franc3s, Austria e Mequetrefe.
Dous requisitos. Reservado o dereito de admisión. Só grupos galegos e de pop-rock. O Festival Artenativa de Valga naceu o pasado verán co obxectivo de servir de escaparate á nova escena pop-rock que nos últimos anos foi agromando no país. Polo escenario do Parque Dios Mosquera, xunto ao río e xunto á estatua da Bella Otero, pasaron Triángulo de Amor Bizarro, 6PM, The Homens, Nadadora ou Jugoplastika. Primeira toma de contacto, a bandeira xa marcaba o lugar.
Este ano o obxectivo é consolidar o festival no denso calendario do verán galego, e aumentar a cifra de asistentes. Se no 2008 entre venres e sábado achegáronse por Valga unhas 500 persoas, nesta ocasións quérese dobrar a cifra. O cartaz mantén o seu esquema de bandas pop-rock galegas, encabezadas polos vigueses The Blows o venres, e Nadadora, Niño y Pistola e Projecto Mourente o sábado. Ademais, bandas da consistencia de Fanny&Alexander, Franc3s, Austria ou Mequetrefe. E unha nova aposta: os padronenses Yoplay, "con moi boas ideas", segundo os organizadores.
Como en calquera festival de música, non só haberá música. Acampamento de balde nun espazo acondicionado xunto ao río, un pequeno mercado, e unha mesa redonda (o sábado pola tarde), sobre 'facer música na casa'; nela, Carlos Valcárcel aprenderalles aos asistentes como compoñer de maneira doada co ordenador.
Ademais dos concertos, a madrugada de venres e sábado dous dj's (Ernst DJ e Agostinho DJ) poñerán a música a partir das dúas. E o sábado ao mediodía, está prevista unha sesión vermú para os que queden a acampar no festival.
Horario dos concertos
Venres
Mequetrefe (22.00)
Franc3s (23.00)
The Blows (0.00)
Austria (1.30)
Sábado
Yoplay (21.30)
Fanny&Alexander (22.30)
Niño y Pistola (23.30)
Nadadora (0.45)
Projecto Mourente (2.10)