Rui Rio pediu a rápida construción dunha liña de alta velocidade entre Porto e Vigo.
Rui Rio, alcalde da Cámara do Porto e tamén presidente da Junta Metropolitana, reuniuse este venres co alcaide de Vigo, Abel Caballero, nun encontro de alcalde para reforzar a relación entre as dúas cidades. Sobre da mesa destacaron con forza dous temas: a construción dunha liña de tren de alta velocidade entre Vigo e Porto e a reivindicación portuense de que o Aeroporto Sá Carneiro, o meirande de todo o noroeste da Penúnsula, pase a ter xestión autónoma.
Precisamente esta semana A Junta Metropolitana do Porto, xunto con catro asociacións empresariais, realizou unha declaración pública sobre a xestión do aeroporto. O Sá Carneiro é cada vez máis usado polos viaxeiros galegos, debido á súa dimensión moi superior á de calquera dos aeroportos do noso país. Por ese motivo, un dos asuntos tratados por Rui Rio e Abel Caballero foi a conveniencia de que o hipotético TAV entre Vigo e Porto teña unha parada no Sá Carneiro.
A junta Metropolitana do Porto defende que a xestión autónoma do Sá Carneiro permitiría potenciar o nível económico de toda a rexión, que contando con Galiza, superaría os sete millóns de habitantes. Amais, hai actores interesados en xestionar o aeroporto que xa realizaron propostas concretas. Esta sexta feira o Jornal de Negócios avanzaba que o consorcio Sonae/Soares da Costa ofrecera mil millóns de euros para facerse coa concesión. Porén, malia a teren pedido unha resposta rápida, parece probábel que a proposta ficará sen resposta nas próximas semanas, debido ás vacacións que este venres tomou o Primeiro Ministro José Sócrates.