O vicepresidente da Xunta fixo "valoración positiva" do encontro, malia admitir que o TAV precisa que as obras estean "en execución" en 2012.
"Xa hai acordo e unanimidade de todas as forzas políticas para a reforma do voto", recordoulle o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, ao presidente do Goberno, Emilio Pérez Touriño, e ao xefe do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, ao respecto do voto emigrante. Quintana reservou a súa avaliación máis dura da xuntanza Touriño-Zapatero para este tema, lamentando a actitude sostida desde Madrid. "Non pode ser que o goberno de Zapatero siga amparando a fraude democrática", reprochou.
Ademais, o líder do BNG tamén reservou especial belixerancia para o tema da reforma do financiamento autonómico, asunto onde considera que Zapatero segue sen dar resposta positiva "para que Galiza dispoña dun financiamento xusto". Lembrou tamén ao fío deste tema, a unanimidade sobre os criterios fundamentais que amosaron en Galiza todas as forzas políticas.
Por outra parte, Anxo Quintana amosou maior optimismo sobre as esixencias respecto da alta velocidade ferroviaria, obxectivo sobre o que dixo facer "unha valoración positiva" do encontro deste xoves entre Touriño e Zapatero. Con todo, Quintana chamou ás administracións a seren ambiciosas para garantir que en 2009 os treitos pendentes do TAV "estean en execución" e non só licitados, que é o que prometeu unicamente Zapatero.