Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ante as reiteradas denuncias dos ecoloxistas

Este ano non haberá chega de bois en Muíños

Substituirase por "espectáculos taurinos" e desfile de "garotas". Os veciños e o concello ourensán quéixanse da "dupla moral" que fai que sexan só eles os penalizados.

Redacción - 19:00 02/08/2008
'Chega de bois'

'Chega de bois'

A 'chega de bois' era, dende hai case 30 anos, un dos pratos fortes da Festa das Sopas do Burro Canso, que cada ano, polo primeiro sábado de agosto, se celebra no Concello ourensán de Muíños (Baixa Limia). Ser é unha tradición portuguesa, que pasa dunha beira a outra da Raia, mais que no noso país, segundo a Lei de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade (que impide que se empreguen como obxecto de diversión nas festas ou espectáculos públicos e privados), está prohibida.

A asociación Amigos da Terra comezou a denunciar a 'chega de bois' no ano 2000, ante o Seprona, a Consellaría de Medio Ambiente e a Policía Autonómica, e finalmente, despois de oito anos pelexando contra a tradición muiñense, conseguiron terminar con ela, a base de multas. A que pagou en 2005, de 3.000 euros (a denuncia das festas do 2006 foi arquivada pola fiscalía ourensá), por facer a chega sen a autorización da Consellaría de Medio Ambiente, foi a última que quixo soportar o Concello de Muíños.

Cambiando chega por "espectáculo taurino"
Este ano Muíños borrou definitivamente a 'chega de bois' do cartel das festas, e no seu lugar introduciu varios "espectáculos taurinos" (que quere manter, pese a que o concello non hai moita afección, polos seus veciños portugueses), ademais das orquestras, as carreiras de burros, paparota e un espectáculo musical que ha encher as rúas de garotas brasileiras.

Daquela, vai haber un "espectáculo" de toureo a cabalo (rejoneo, naqueles lugares do Estado Español onde hai tradición) e de forcados portugueses. Ademais, para darlle forza á convocatoria, xuntaron dúas festas nunha, unindo a esta a do "Galo pica no chan", que consiste en papar os galos, que correron libres pola vila ou que foron adoptados polos veciños en maio, nun milleiro de racións, con patacas, verduras e mollo de acompañamento.

Descontentos porque os espectáculos taurinos só se penalizan no seu concello
Isto é o que opina o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez (PPdeG), o principal responsábel de que durante seis anos, e a pesar das multas e as sancións administrativas interpostas por Medio Ambiente, se seguise facendo a pelexa entre os bois.

Para Álvarez é inxusto que sexa o seu concello o multado, cando se seguen celebrando festas en lugares tan achegados a Muíños como Allariz. Neste sentido, dende a corporación municipal de Muíños quéixanse da "dupla moral" coa que se miden as sancións, e poñen como exemplo a alaricana Festa do Boi, na que non se multa a ninguén por ser unha celebración declarada de Interese Turístico de Galiza. O alcalde muiñense revelou, ademais, que hai aínda dúas aldeas, das que non deu os nomes, que seguen a celebrar cadansúa 'chega', aínda que sen publicitala, agochándolla aos ecoloxistas e asociacións defensoras dos dereitos dos animais.

Os ecoloxistas non cren na dobre vara de medir
A asociación ecoloxista que, durante anos, denunciou a celebración das 'chegas' en Muíños é Amigos da Terra. Debido ás denuncias deste colectivo, o Concello de Muíños foi sancionado e decidiu, finalmente, terminar coas pelexas de bois.

Un dos seus membros, Ángel do Río, contoulle a Vieiros que saben que a 'chega' aínda se segue a facer nalgunhas zonas da Raia, pero nas do lado portugués, onde están permitidos este tipo de espectáculos. "É tradición perto de Calvos de Randín (A Limia) ou en Tourém (Vila Real), porque en Portugal non existe prohibición, pero en Galiza si, e quen fai aquí chegas sabe que é ilegal. Tamén houbo, no 2002, unha chega en Xinzo de Limia, que tamén denunciamos".

En relación ás declaracións do alcalde de Muíños, sobre se a Xunta e os ecoloxistas están a empregar distintos medidores co seu concello e con, por exemplo, o Concello de Allariz, onde se celebra a Festa do Boi, do Río dixo que para a súa asociación nesta outra festa tamén hai maltrato animal, se ben é certo que polo de agora non o denunciaron. "Tamén estamos contra o toureo, pero coa Festa do Boi as cousas non están claras dende que foi declarada de Interese Turístico, pero o que si é certo é que o animal vai obrigado e sofre", concluíu Ángel do Río.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Unha imaxe da 'chega de bois' de Muíños
Unha imaxe da 'chega de bois' de Muíños
Situación do Concello raiano de Muíños no mapa de Galiza
Situación do Concello raiano de Muíños no mapa de Galiza
A 'chega' desenvólvese na Festa da Sopas de Burro canso (na imaxe)
A 'chega' desenvólvese na Festa da Sopas de Burro canso (na imaxe)
Este ano, á Festa das Sopas unirase a do 'Galo pica no chan', unha degustación destas aves que foron criadas polos veciños
Este ano, á Festa das Sopas unirase a do 'Galo pica no chan', unha degustación destas aves que foron criadas polos veciños
Os organizadores da 'chega' denuncian a "dupla moral" coa que se xulga a súa festa, e non a do Boi de Allariz / O boi no Flickr de freecat
Os organizadores da 'chega' denuncian a "dupla moral" coa que se xulga a súa festa, e non a do Boi de Allariz / O boi no Flickr de freecat