A Consellería de Medio Ambiente vén de resolver un expediente sancionador ditaminando a existencia dunha infracción grave da Lei de protección dos animais domésticos cometida polo Concello de Muíños (Ourense) por organizar unha "chega de bois", unha pelexa entre bois. A sanción é o resultado de denuncias de Amigos da Terra e ADEGA-Ourense.
A Lei galega de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade prohíbe as pelexas de animais. Porén, a Consellería de Medio Ambiente pode outorgar permisos de xeito excepcional, o que fixo en 2003 coas chegas de bois en Muiños.
Amigos da Terra informou que "despois de varios escritos a distintos cargos da Consellería e de obter a adhesión do Valedor do Pobo á nosa postura, conseguimos que a Consellería, despois do verán, dera a súa conformidade a manter unha visión máis restrictiva destes permisos, algo que tanto Amigos da Terra como o Valedor do Pobo promulgábamos".
De acordo coa información facilitada por Amigos da Terra, o expediente "constata como feitos probados que a organización celebrou o espectáculo, que supón o enfrontamento de dous animais nunha pelexa, carecendo da preceptiva autorización da Consellería de Medio Ambiente; que o espectáculo celebrouse nun campo de fútbol que non reunía os medidas de seguridade esixidas no artigo 61 Decreto 153/1998, co conseguinte risco para os espectadores; e que non está presente un veterinario, tal e como sería esixible. Así pois considerase probado que o organizador, D. Alejandro Castro Vaamonde, naquel momento Alcalde en funcións do Concello de Muíños, vulnerou varios articulados da citada Lei constituíndo unha infracción grave, sendo sancionado o Concello cunha multa de 600,00 € (a lei prevé para a infracción grave entre 300 e 3.000 €)".
Amigos da Terra declarou a súa satisfacción pola sanción, aínda que lamenta a escasa contía da multa. Presentará un recurso para que se cualifique a sanción como moi grave e se revise á alza a sanción.