Acusan a Sanidade de argallar manobras de "distracción" para "agochar problemas asistencias" e listas de espera.
"O Hospital Juan Canalejo é un centro de referencia, con prestixio internacional e unha notábel presenza dos seus profesionais en congresos e publicacións especializadas", argumentaba o voceiro de Sanidade do grupo parlamentario do PPdeG, Miguel Santalices, para censurar a supresión do nome do coñecido falanxista Juan Canalejo da denominación oficial do complexo hospitalario coruñés.
Santalices opina ademais que o cambio implicará modificar a imaxe corporativa do hospital, "como sinalización, papelería, sabas, toallas, etc" e pídelle á Consellaría de Sanidade que explique "canto custará esa broma". Tamén opina o popular que a decisión "vai provocar confusión entre a comunidade científica".
De paso, Miguel Santalices opinou que o Goberno usa este cambio como parte dunha "coidada estratexia" para desviar a atención da opinión pública "cara a cuestións secundarias, cando o realmente importante son as deficiencias asistenciais que se están a rexistrar".
Doutra banda, ao respecto dese presunto gasto, desde Sanidade retrucan que non se vai xerar gasto engadido nin dotacións orzamentarias específicas. "As actuacións materiais concretas que requira a aprobación do decreto vanse realizar de forma progresiva e con cargo ás dotacións orzamentarios previstas", explican, de tal xeito que os custes que orixinen os cambios "iranse asumindo coa redistribución dos créditos orzamentarios ordinarios do Servizo Galego de Saúde".