Empresas que actúan en Galiza pero levan a sede social a Madrid, o exemplo no sector eléctrico, son evidencia da distorsión dos datos feitos públicos polo executivo español.
Os galegos páganlle ao Estado 10.000 millóns en impostos e as transferencias e investimentos do goberno español no país apenas quedan por riba dos 7.000 millóns, onde está o suposto "superávit fiscal" de Galiza? No contexto deses datos, do exercicio 2006, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, rexeitou este martes a idea que na súa opinión pretende difundir o goberno español segundo a cal "Galiza é pobre e ten que vivir da caridade do Estado". "O que non pode facer o goberno é trasladar balanzas cargadas de matute", reprochou Quintana, pedindo transparencia e criticando que se estean usando os datos do ministerio baixo criterios de "soberbia e autocomplacencia".
Referíase o vicepresidente aos datos que saen das balanzas fiscais elaboradas polo Ministerio de Economía e Facenda, segundo as cales só Estremadura e Asturias terían recibido máis fondos ca Galiza durante ao período analizado e respecto ao seu Produto Interior Bruto. Segundo esa interpretación, o superávit fiscal galego estaría entre o 8,23 e o 6,42% do PIB propio. Co mesmo cálculo, no outro estremo, Madrid, Cataluña, a Comunidade Valenciana, Navarra e Baleares, achegarían máis do que reciben do Estado. Exemplo dos paradoxos do cálculo é que, segundo outra das metodoloxías aplicadas polo propio Ministerio, Euskadi, Aragón ou Murcia móvense entre o déficit e o superávit segundo o criterio utilizado.
Ao respecto, o propio conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, chamaba este martes a evitar a tentación de extrapolar os datos presentados polo ministerio á hora de negociar a reforma do sistema de financiamento autonómico. Fernández Antonio considera que se trata de estudos cun simple "interese académico" que non reflicten de ningún modo as necesidades e situacións reais. Segundo o conselleiro, a próxima negociación debe ir guiada polo principio de "a mesmo esforzo fiscal, igual calidade dos servizos en todos os territorios".