"Son un dato máis, pero non o referente", sinala o voceiro do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, para quen o financiamento autonómico require un debate máis amplo.
Desde o BNG entenden que centrar o debate nas balanzas fiscais agora publicadas implica unha metodoloxía "arbitraria" que deixa de lado factores importantes. Francisco Jorquera destaca ao respecto o feito de que moitas empresas que teñen sede social en Madrid e pagan aló impostos "desenvolven a súa actividade en Galiza". Segundo iso, o criterio obxectivo "sería que se tributase onde se realiza a actividade".
Na opinión de Jorquera o Estado "reserva para si un volume de gasto público inxustificado" dado que a maior parte dos servizos están transferidos ás comunidades autónomas. Nese contexto, o Bloque aposta por un modelo de "plena territorialización dos tributos". É así que insisten na necesidade de impulsar a Axencia Tributaria Galega coa fin de mellorar a recadación de taxas para seren investidas "no territorio propio". O deputado nacionalista tamén se referiu de xeito concreto ao caso do sector enerxético, indicando que Galiza "sofre o espolio das empresas eléctricas que explotan os seus recursos naturais con altos custes medioambientais para ofertar enerxía para consumo doutros", empresas que por riba, segundo critica o deputado galego, "non compensan ese espolio".