O BNG alerta de que a tramitación ordinaria no Congreso non permitirá que o cambio se aprobe antes das eleccións.
En pleno extraordinario e por unanimidade. As tres forzas políticas de Galiza véñense de sumar para garantir que os emigrantes poidan votar en urna e instan ao goberno central a reformar a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (Loreg). O seguinte paso agora é a tramitación no Congreso, un procedemento que, de seguir o seu trámite normal, non remataría antes das eleccións, previstas para o marzo próximo.
Outra peza máis nun longo crebacabezas
Tanto PSdeG, como BNG, como PP votaron a prol do cambio, nun último capítulo dunha longa serie que semella que rematará sen que os galegos do exterior poidan depositar o seu voto en urna. Sen embargo, as discrepancias sobre a viabilidade en tempo da reforma son tamén evidentes.
Emilio Pérez Touriño manifesta o seu desexo de que a reforma da lei electoral estea lista antes dos comicios e destaca que a súa formación está comprometida plenamente con esta vontade. Ademais, asegura que a iniciativa aprobada na cámara foi impulsada e promovida por el mesmo. Doutra banda, o PP manifesta a súa inseguridade sobre que a reforma se leve a cabo antes das eleccións e sinala a Touriño e a Rodríguez Zapatero como responsables se o cambio non se materializa a tempo. O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, afirmou que "aínda se está a tempo" para levar a cabo a reforma antes das próximas eleccións galegas. Así, Quintana insta a Zapatero a iniciar os trámites para a reforma electoral "porque do contrario iría en contra da cidadanía galega e da transparencia democrática".
Finalmente, o BNG lamenta o tempo perdido e asegura que a súa formación traballará para que o goberno central asuma como propio o texto aprobado no Parlamento e o presente como un proxecto de lei. Se isto sucedese, axilizaríase a súa tramitación e a reforma da lei electoral podería chegar a tempo. Ademais, na Deputación Permanente do Congreso debaterase a solicitude dos nacionalistas para que neste mes de xullo acuda ao Congreso a vicepresidenta primeira do goberno, María Teresa Fernández de la Vega, para que clarifique a disposición do executivo a tramitar a modificación da lei electoral.