Denuncia que en moitos países non se cobre o custo mínimo para sobrevivir, nin unhas mínimas condicións laborais.
A ONG Amarante Setem estará presente o martes na xunta de accionistas de Inditex, no nome da Campaña Roupa Limpa, para esixir garantías reais na mellora das condicións das persoas que traballan para a multinacional. As súas reivindicacións céntranse en conseguir máis transparencia na memoria da empresa, datos concretos sobre salarios dignos, intermediarios e auditorías, e indemnizacións á vítimas da fábrica Spectrum de Bangladesh.
Amarante denuncia que Inditex produce en moitos países empobrecidos onde se ofrecen salarios miserábeis e non se respecta a liberdade sindical. Nalgúns casos, o diñeiro que cobran as traballadoras, como en Blangladesh ou Camboxa, non chega para cubrir as súas tres comidas diarias. Ademais, van acompañados de 10 a 12 días seguidos sen descanso e xornadas de 76 horas á semana. Aínda que no código de conduta da empresa fica recollido este punto, non hai constancia de que se estea a cumprir.
Segundo os datos achegados pola ONG, en Bangladesh os salarios son de 22 euros, fronte aos 50 necesarios para vivir. No Vietnam, cóbranse 32 e precísanse 56. En Marrocos, os 150 euros non alcanzan os 250 necesarios.
Ademais, Amarante indica que o modelo de Inditex premia os intermediarios, mantén prazos de entrega moi curtos e só fai contratos de produción puntuais e baseados no custe. Esta política impide estabelecer relacións a longo prazo cos proveedores que axuden a que as prácticas ofrezan contratos estábeis, o que impide chegar á economía máis xusta da que Inditex fala na súa memoria.
No referente ás indemnizacións ás vítimas de Spectrum, a Campaña Roupa Limpa entregaralle a Inditex unha carta dos traballadores da fábrica, que se derrubou hai máis de tres anos, reclamando o pago das pensións dos feridos e das viúvas que faltan por conceder. Inditex comprometérase a indemnizar as vítimas, que tres anos despois seguen a agardar, segundo informa Amarante.
Roupa Limpa é unha campaña internacional que ten como obxectivo mellorar as condicións laborais no sector téxtil. Traballa en doce países europeos e está formada por coalicións de sindicatos e oenegués.